Alexandre Bóveda en realidade

Tina Paterson recupera e colorea unha imaxe do intelectual galeguista dentro do seu proxecto 'Enhanced Memory'

bóveda interior

A xeración de Bóveda adicouse a colorear o futuro da sociedade e por iso foi represaliada. "Nós aínda os estamos a mirar en branco e negro: é hora de darlles cor". di Valentín García, neto de Alexandre Bóveda, intelectual galeguista nado en Ourense en 1903 e fusilado na Caeira en 1936. "Por iso é tan relevante o traballo que fai Tina Paterson", continúa. "Por un lado, a nivel sentimental, no noso caso, non dispoñiamos de ningunha fotografía de Bóveda que non fose en branco e negro. Eu mesmo estiven a punto de escribirlle para propoñerlle que traballase con algunha foto de Bóveda". Non fixo falta, o artista traballou sobre ela sen pedirllo. "O que fai é achegarse a como era en realidade. É marabilloso ver o resultado. Pero ademais, a nivel máis xeral, algo que parece tan inocuo como limpar e darlle cor a unha imaxe antiga, se se vincula á nosa memoria, reactualízaa, impide que sexa reabsorbida polo pasado".

Enhanced Memory ("Memoria mejorada") é un proxecto arredor da memoria histórica e da súa representación que realiza na rede Tina Paterson (seudónimo do creador e activista madrileño David Rodríguez). O traballo, que se pode seguir a través do seu blog, tinapaterson.com, e das súas redes sociais (en Twitter, por exemplo, @latinapaterson), consiste en rescatar imaxes relacionadas coa memoria histórica (de represaliados, exiliados, asasinados...), documentalas, limpalas e colorealas. "Básicamente trabajo sobre la imagen, la memoria y la identidad", explica Tina Paterson a través do correo electrónico. "Intento colaborar en la lucha contra la desmemoria y la desaparición paulatina e irreversible de estos documentos. Es paradójico que, en la época digital y de la sobreinformación, la memoria cada vez sea más frágil".

"Intento colaborar en la lucha por la desmemoria", di Tina Paterson

Paterson usa as novas tecnoloxías para tratar de aproximar as fotos coas que traballa á que sería a imaxe real da persoa que aparece retratada. Segundo di, a súa pretende ser unha ollada "respetuosa y sensible ante la fragilidad de nuestro pasado". O obxectivo: rescatar estas fotos "para que no se olviden". "Uso herramientas de inteligencia artificial para recuperar las imágenes de las víctimas del franquismo, para revivirlas hoy", segue a explicar o artista. "Es decir, por mal que esté la imagen o el retrato, por culpa de los avatares del tiempo y de la represión, se puede recuperar".

No proxecto Enhanced Memory aparece a foto de Alexandre Bóveda xunto á de Amparo Barayón, anarquista casada con Ramón J. Sender fusilada en Zamora; a de Federico García Lorca, poeta fusilado en Granada, ou a de Oliver Law, brigadista negro norteamericano, comandante do Batallón Lincoln, que morreu durante a batalla de Brunete. Pódese contactar con Tina Paterson no correo [email protected].

Comentarios