martes. 02.06.2020 |
El tiempo
martes. 02.06.2020
El tiempo

A Pontevedra de Casto

Os de Algures renden homenaxe ao compilador do ‘Cancioneiro musical de Galicia’ cun macroespectáculo no Teatro Principal no que participan máis de 80 persoas

Máis de 80 persoas entre músicos, actores e figurantes participaron onte no macroespectáculo na honra do arqueólogo e investigador Casto Sampedro (Redondela, 1848-Pontevedra, 1937), que organizou a agrupación de música tradicional Os de Algures. O Teatro Principal acolleu esta homenaxe concibida como unha montaxe dividida en catro partes (Praza da Leña, Praza da Verdura, Procesión do Corpus e Romaría popular), que pretendía retratar a Pontevedra da época do compilador do Cancioneiro musical de Galicia. "Este traballo, no que reuniu cancións e danzas tradicionais de toda Galicia, para nós é como a Biblia", explica o coordinador da proposta, José Luis Rodríguez.

Unha alfombra realizada con 8.000 camelias de papel de seda ocupou o escenario do Principal, ao que foron subindo, ademais de Os de Algures, membros da Aula de Teatro Municipal, as pandereteiras de Seixebra e integrantes da agrupación Celme. A organización tamén quixo destacar, o día da presentación do espectáculo, que o vestiario que se puido ver na montaxe estaba conformado por 75 traxes da asociación Sete Espadelas. "Sesenta deles son fieis reproducións de traxes antigos conservados en diferentes museos de Galicia ou retratados en gravados e pinturas da época".

"O traballo no que reuniu cancións e danzas tradicionais de toda Galicia para nós é como a Biblia", explica José Luis Rodríguez


CUARTO PROTAGONISTA. O adicado a Casto Sampedro é o cuarto macroespectáculo montado por Os de Algures en Pontevedra na honra dalgún personaxe histórico. O primeiro ao que renderon homenaxe foi Perfecto Feijoo. Despois viñeron Castelao e Carlos Sobrino.

En todos os casos, Os de Algures déronlle unha gran importancia á escenografía de cada montaxe. No caso de onte, o grupo dixo terse inspirado en fotografías antigas da cidade á hora de recrear os seus espazos. Así, o público puido ir identificando, ao longo das diferentes actuacións, "a Praza da Leña como fondo, o Cruceiro no proscenio, todos os elementos da procesión do Chucurruchú, as alfombras florais do Corpus, os Santos Gremiais, o palio para os curas, a Custodia, a escenificación do que era unha taberna da época e, finalmente, unha romaría tradicional".

A Pontevedra de Casto
Comentarios