Malores Villanueva: "Alí onde estaba, el mudaba as cousas"

O home ao que se lle debe que hoxe exista un Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego, don Paco, é precisamente o homenaxeado deste 17 de maio. "Dicía moito iso de que era un optimista radical", comenta Malores Villanueva, que hoxe presenta a súa biografía en Pontevedra
A profesora e autora Malores Villanueva. GONZALO GARCÍA
photo_camera A profesora e autora Malores Villanueva. GONZALO GARCÍA

Loitador, optimista, nacionalista, teimudo. Son adxectivos que emprega Malores Villanueva (A Xesteira, Cerdedo-Cotobade, 1982) para definir a Francisco Fernández del Riego, o persoeiro ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Profesora, autora, investigadora e editora, Villanueva vén de publicar unha biografía rigorosa sobre un home fundamental na cultura galega.

É a segunda vez que enfronta a biografía dun persoeiro ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Foi moi diferente escribir a de Fernández del Riego a escribir a de Antón Fraguas? Máis difícil ou máis fácil?
Foi diferente porque eu non coñecín a Antonio Fraguas e polo tanto foi unha achega a través doutras voces e de diferentes documentos, mentres que Francisco Fernández del Riego é alguén co que tiven unha relación estreita. Así que a maneira de enfrontalas foi ben diferente. Por suposto, o que intentei nas dúas foi que o rigor estivese por enriba de todo.

Fernández del Riego é o home que está detrás da creación do Día das Letras Galegas. Era obrigado dedicarlle a festa.
Exactamente. Grazas a el celebramos estas Letras Galegas, tal e como el as pensou. Eu rescato no libro un artigo seu na prensa do ano 1933 no que xa fala de crear un día arredor da cultura galega e dos libros en galego. Queda claro que era unha idea que tiña na cabeza dende había moito. As circunstancias políticas impediron a execución inmediata. Finalmente tardaría 30 anos en cumprir o seu soño. Pero está claro que na súa cabeza estaba dende moito antes. Aos dous anos de chegar á Real Academia Galega é el quen propón a iniciativa para que saia adiante; é el quen busca esa data signifi cativa para a celebración, e é el quen ten absolutamente claro que ten que ser unha festa que entre nos centros escolares. Sempre contaba que buscou unha data dentro do calendario escolar, algo moi chamativo no ano 1963, cando o galego estaba completamente fóra do ensino. Pero unha das características de don Paco é que sempre soñaba ao grande.

E atinou de cheo. O seu soño cumpriouse.
El sempre dicía que era un executivo. Porque, non só soñaba, senón que executaba todo o que se propuña. E é certo. A súa vida foi unha consecución de logros.

Vostede que o coñeceu persoalmente, que dúas ou tres características destacaría da fi gura de Fernández del Riego?
Destacaría que foi un loitador, unha palabra que emprego no propio título do libro. A vida non llo puxo doado, pero el sempre soubo repoñerse ante as adversidades e buscar o camiño, buscar a alternativa, para seguir facendo o que quería facer: dignifi car a lingua e a cultura galegas. Darlle o status que merecía. Dicía moito que se consideraba "un optimisa radical".  

Unha afirmación que destaca a propia editorial da biografía á hora de resumir a súa personalidade.
Porque o repetía moito e é algo que o defi ne moi ben. Sabe reinventarse tras unha guerra e unha ditadura que llo puxeron moi difícil, porque quedou inhabilitado, perdeu o seu traballo, a súa fonte de ingresos e o seu camiño. El ía para docente e para político, pero esa vida política que vai desenvolver nos anos 30 queda esfarelada. Moita xente caeu daquela no pesimismo, pero el non. Soubo manter o optimismo e seguiu proxectando os seus soños. Hai que destacar tamén que era un nacionalista de corazón e de razón. Iso implica que todos os proxectos que emprendeu tiñan esa idea de Galicia detrás, a dunha Galicia que non fose un territorio habitado, senón un territorio diferencial, cunha lingua e cunha cultura propias, de seu, unha Galicia que fose dona do seu futuro.

Precisamente subtitula a súa biografía: Un loitador pola idea de Galicia. Esa idea de Galicia que di era a que el tiña?
Si. Unha Galicia dona de seu na que a cultura e a lingua fosen pezas fundamentais porque iso é o que nos fai diferentes e existentes.

A editorial na que vostede traballa, Galaxia, está este ano de festa.
Está, por suposto. Porque Fernández del Riego foi un dos seus fundadores e alí fi xo de todo. Era a alma de Galaxia. Editou e corrixiu probas, levounas á imprenta e incluso, como el mesmo me contou moitas veces, cando saían os libros, facía un atadiño con eles e ía polas librerías de Vigo para ver se llos collían. Dicía que as primeiras veces só dúas librerías aceptaron ter os libros de Galaxia. Pero, como era moi teimudo, volvía a seguinte vez por todas as librerías de novo. Ata que conseguiu que llos colleran. Esa sería outra característica importante de Don Paco: era moi teimudo, non se daba por vencido. En Galaxia fi xo de todo á parte dos cargos que ocupou. Pero o seu labor vai moito máis alá. Poñamos por caso a [Álvaro] Cunqueiro, que hoxe está recoñecido como un dos grandes escritores na nosa lingua. Pois se volveu ao galego, como el mesmo recoñeceu, foi porque existía Francisco Fernández del Riego, que nunha época moi difícil para el, nos anos 40 en Mondoñedo, estando moi deprimido, lle insistiu e lle insistiu en que volvese escribir. Don Paco escríbialle continuamente animándoo. E dese tirar del sae esa década na que Cunqueiro asina todos eses libros fundamentais da nosa literatura: Merlín e familia, As crónicas do Sochantre, O incerto señor Don Hamlet... Son títulos que dalgunha maneira se lle deben tamén á teimosía que tivo don Paco. E así quedou rexistrado nas súas cartas. Foi o que alentou a escribir a moitos escritores. E impulsou aos máis novos. Grazas a el tamén temos Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro. Evidentemente o autor é quen o escribiu, pero Fernández del Riego é quen monta a colección Salnés e é quen lle pide a Celso Emilio os poemas, quen llos ordena e lle busca o título. O seu papel é crucial tanto con moitos escritores como en moitas iniciativas literarias e culturais.

Só por unha desas cousas que menciona, a débeda de Galicia con Fernández del Riego sería impagable.
Realmente é así. Foron 97 anos de vida moi intensa, dos que case 80 foron de plena dedicación á causa galega. Primeiro politicamente, antes de 1936, e despois a través da vía cultural, que non deixa de ser outra forma de facer política. Sen falar da comunicación que tiña co exterior, co exilio e coa emigración. Dentro do galeguismo era coñecido como o ministro de Exteriores, imaxina. Aí están as súas xestións para que parte do fondo de Castelao estea aquí. O traballo que fixo é inabarcable. Dedicáballe moitas horas do día e foron moitos anos. Alí onde estaba, el mudaba as cousas. Un exemplo é que cando chegou á Real Academia Galega como presidente, con 80 anos, en xeral pensábase que que ía facer: nada. Con esa idade, moitos non esperaban nada. E cambiouna radicalmente: mudou os estatutos para que o presidente non puidese ser vitalicio; fi xo que entrase xente nova que non pertencía á liña política dominante, como podía ser Ferrín: comezou o proceso de dixitalización, "eu, que quedei na máquina de escribir", dicía. En todos os lugares polos que pasou deixou a súa pegada porque era un home de acción.

Presentación
Malores Villanueva presenta hoxe (19.30 horas, entrada libre ata completar cabida) o libro Francisco Fernández del Riego. Un loitador pola idea de Galicia (Galaxia, 2023) na librería Cronopios. Estará acompañada polo capitán, funcionario de Vixilancia Aduaneira e amigo de don Paco, Salvador Cervantes, e polo presidente do Consello de Administración de Galaxia, Antón Vidal Andión.

Comentarios