Foi a voz da despampanante Pamela Anderson na serie Los vigilantes de la playa ou de Elizabeth Taylor na película Mujercitas, entre os centos de actrices e personaxes que lle tocou dobrar nos 38 anos que leva de profesión. Desde hai dúas décadas, ademais, tamén dirixe e nela recae a responsabilidade das dobraxes para series de Netflix, HBO, Disney ou canais como Nickelodeon ou a TVG.
Unha actriz de dobraxe non só interpreta un papel, tamén interpreta a outra actriz. É fácil xogar a dúas bandas?
Cando interpretas coa voz, tes que mirar os ollos e a expresión dos actores os que dobras. Un bo actor dácho todo. Por exemplo, a Meryl Streep é moi fácil dobrala porque comunica coa súa expresión. Pero a un mal actor é moi difícil porque o guión non vai coa cara, nin cos ollos. Ten que haber unha empatía co actor.
Como se desenvolve esa empatía dobrando debuxos animados?
Pásalo moito mellor porque es máis libre e non está todo tan encorsetado. É máis creativo porque podes xogar coa voz e a interpretación é máis libre ta mén. Púxenlle a voz a Boo-Chan, o amigo de Shin-Chan, e divertinme un montón.
Como decidiu facerse actriz de dobraxe e dedicarse a isto?
Hai moitos anos, en 1985, tiñamos un encontro de poetas en Radio Lugo, onde recitabamos. E eu era unha deles. A locutora díxome que tiña boa voz para facer dobraxe e coincidiu que, naquela época, convocaron unhas probas na TVG e colléronme. Estiven en Santiago e en Madrid e agora traballo para produtoras da Coruña e de Santiago como SDI Media —onde se dobran culebróns turcos e tamén series para Disney, Netflix e HBO—, Babalú Estudios —que traballa para a TVG e Nickelodeon— e Estudio 21 —que dobra documentais e tamén culebróns—, entre outras.
É este un traballo moi ingrato?
Canto máis maior es, máis complicado é conseguir traballo. Tivemos unha dobraxe dunha serie que durou nove meses e foi algo insólito porque houbo traballo moito tempo seguido. Hai moitos contratos que son só por un día. A miña vida laboral nestes 38 anos ten 140 páxinas. Pero hai moito traballo coas plataformas. Facemos xornadas de trece horas seguidas diarias para atender a toda a produción. Agora mesmo, está a cousa máis parada pola folga de actores de Hollywood. De todos os xeitos, a intelixencia artificial pode facer desaparecer a profesión!
"A intelixencia artificial pode facer desaparecer a profesión!"
A que actriz lle gustou máis dobrar na súa carreira?
A Victoria Abril en galego en Os pazos de Ulloa, iso que tiña que facer de nai e de filla á vez! Tamén dobrei a Neve Campbell en Scream, a Reese Witherspoon en Puro vicio ou a Goldie Hown en Dos pájaros a tiro. Unha vez chorei de verdade. Iso pasou dobrando a Liz Taylor en Mujercitas.
Como directora, que fai?
Vexo a película e fago un reparto das voces. Ás veces, as plataformas fan cambios e piden novas voces. Tamén axusto o guión á tradución, como fixen na serie noruega Gösta, de HBO, ou en Cormoran Strike. Outras veces teño que documentarme como en Pico de neblina, de HBO, onde tiven que ir a unha tenda de marihuana para enterarme da xerga dese mundo en inglés.