sábado. 29.01.2022 |
El tiempo
sábado. 29.01.2022
El tiempo

Alonso Montero recupera o manual de literatura galega de Alfredo de la Iglesia para o Instituto de Pontevedra

Páxinas de Resumen de la historia de la liertatura gallega. ARQUIVO DA REAL ACADEMIA GALEGA
Páxinas de Resumen de la historia de la liertatura gallega. ARQUIVO DA REAL ACADEMIA GALEGA
O profesor presenta este xoves, na Casa das Campás, un volume da colección 'Letras da Academia' no que recolle unha obra "única e insospeitable naquel tempo" xunto á biografía do seu autor, "un home extraordinario"

Alfredo de la Iglesia. COLECCIÓN PARTICULAR DE ROSA MARÍA SAURIN DE LA IGLESIANado en 1861 na Coruña, onde faleceu en 1933, o catedrático de lingua e literatura castelá Eugenio Alfredo de la Iglesia Santos –na imaxe anexa– tivo a ousadía, sendo mestre no Instituto de Pontevedra en 1919, de escribir un Resumen de la historia de la literatura gallega, que nunca chegou a publicar. Faino agora no seu nome o membro da Real Academia Galega (RAG) Xesús Alonso Montero, nunha edición semi-facsimilar da colección Letras da Academia na que rescata o insólito libro de texto acompañado dunha biografía do home que o escribiu. A obra será presentada este xoves (20.00 horas, entrada de balde) na Casa das Campás de Pontevedra, nun acto no que participará o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

"Cando el escribe este traballo, non era que non houbese 'literatura galega', é que ninguén soñaba con que chegase a existir esta materia"

Alfredo de la Iglesia. O intelectual, o educador e o autor do primeiro manual de Literatura Galega para escolares de Instituto (1919) é o título deste volume no que Alonso Montero reivindica a figura de De la Iglesia, catedrático do Instituto de Pontevedra, onde coincidiu con Castelao e Filgueira Valverde, entre outros, e onde se xubilou en 1931. "Cando el escribe este traballo, non era que non houbese literatura galega, é que ninguén soñaba con que chegase a existir unha materia como esa". Sae así das súas mans o primeiro manual de literatura galega para os alumnos, "ad usum scholarum", di Alonso Montero, co valor engadido de que se trata dun autor que "non era, no sentido político, militante galeguista; era un amante da cultura galega".

Era, iso si, fillo dun home fundamental do Rexurdimento galego, Francisco María de la Iglesia, e irmán do intelectual republicano Santiago de la Iglesia. Este último era o personaxe que lle interesaba a Alonso Montero cando comezou a investigar nos fondos da familia De la Iglesia que conserva a RAG. Aí acabou descubrindo ao catedrático que agora reivindica como "un home extraordinario". "Para min é asombroso que alguén naquel tempo adicase unha vez á semana unha das súas clases de literatura castelá á literatura galega, simplemente porque era un pedagogo que pensaba que se falaba da literatura universal, por que non había de facelo da galega, a literatura escrita no idioma de moitos dos seus alumnos".

"Foi quen de empregar o galego, en plena ditadura de Primo de Rivera, para impartir unha clase de lingua. Fíxoo entre gargalladas do alumnado, que parou de rir ao decatarse de que aquilo era moi serio"

Alonso Montero sinala tamén unha razón persoal detrás da redacción deste manual. "Case todo o mundo seguía naquel momento os criterios establecidos por Manuel Murguía e polos seus secuaces na historia da nosa literatura, e na súa interpretación do Rexurdimento negálle o pan e o sal a Francisco María de la Iglesia e Antonio de la Iglesia", di. "Ao tempo que fai un manual único e insospeitable naquel tempo, este home quere reivindicar as figuras do seu pai e do seu tío".

Unha chea de detalles dan conta da personalidade libre e valente de Alfredo de la Iglesia, segundo Alonso Montero. "Estamos falando dun librepensador. E, como librepensador que era, á hora de publicar un método de lectura, como o que el publicou no ano 1902, no canto de incluír frases do tipo Hoy llueve ou Mañana hará sol, incluíu frases filosóficas que falaban da emancipación e da liberdade". Asinouno, por suposto, cun seudónimo. "Este home foi quen de empregar o galego un día do ano 1926, en plena ditadura de Primo de Rivera, para impartir unha das súas clases de lingua, entre as gargalladas do alumnado que, aos poucos minutos, parou de rir desconcertado porque se decatou de que aquilo era moi serio".

Alonso Montero recupera o manual de literatura galega de Alfredo de...
Comentarios