Á altura de Manuel Moldes

A sede da fundación co nome do artista pontevedrés inaugúrase cunha exposición antolóxica ▶ "Merecía un lugar no que se lle recordase para sempre", di Rueda nun acto ateigado de xente
Anxo Lorenzo, Marta Fernández-Tapias, Román Rodríguez, May Díaz, Alfonso Rueda, Ramón Rozas, Manuel e Iria Rodríguez, Agustín Reguera e Demetrio Gómez (de esquerda a dereita). DAVID FREIRE
photo_camera Anxo Lorenzo, Marta Fernández-Tapias, Román Rodríguez, May Díaz, Alfonso Rueda, Ramón Rozas, Manuel e Iria Rodríguez, Agustín Reguera e Demetrio Gómez (de esquerda a dereita). DAVID FREIRE

"Benvidos á Fundación Manuel Moldes", saudou May Díaz Cacheda. "É un orgullo inaugurar este espazo aquí hoxe, tres días antes do aniversario do falecemento de quen foi un dos referentes da arte galega".

Cunha exposición antolóxica, composta por 27 obras que repasan a traxectoria de Manuel Moldes (Pontevedra, 1949-2017), dende a súa xuventude ata a súa derradeira pintura, quedou inaugurada este xoves en Pontevedra a sede da fundación co nome do artista. A apertura destas salas, que ocupan o oitavo andar do edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal, era unha aspiración longamente acariñada pola familia do creador, representada na figura da súa muller, May Díaz, e dos seus fillos. "Os meus fillos, Iria e Manuel, foron os que fixeron que conseguiramos chegar ata aquí. Creo que o voso pai estaría hoxe moi orgulloso de vós", dixo a presidenta da Fundación Manuel Moldes. "Iria e Manuel teñen efectivamente moito que ver co aspecto que finalmente ten este lugar", recoñeceu Alfonso Rueda.

May Díaz: "Os meus fillos, Iria e Manuel, foron os que fixeron que conseguiramos chegar ata aquí. Creo que o voso pai estaría hoxe moi orgulloso de vós"

O actual presidente da Xunta de Galicia, xunto co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, estiveron involucrados dende o primeiro momento no desenvolvemento da Fundación Manuel Moldes. "Este é un espazo magnífico", dixo Rueda. "Hoxe estamos recordando a un artista e saldando unha débeda con el por parte das institucións. Tiña que ter un local á altura do que foi e do que ten que seguir sendo. E agora teno".

O presidente galego lembrou que coa inauguración quedaban pechados os contidos do edificio da Xunta en Benito Corbal. "Con isto culmínase o que tiña que ser este edificio. A partir de agora é unha responsabilidade de todos mantelo e enchelo de actividade". E rematou: "Se Pontevedra tivo no seu día a Moldes, merecía tamén ter un lugar no que se lle recordase para sempre. Porque os bos artistas son eternos". 

May Díaz e o crítico Ramón Rozas exerceron de comisarios da mostra coa que quedaron inauguradas as dúas salas que xestionará a fundación e que este xoves se ateigaron de público, entre autoridades políticas (dos mencionados presidente do Goberno galego e conselleiro de Cultura, ao delegado da Xunta na provincia, o secretario xeral de Cultura e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, entre outros), persoeiros do mundo da cultura en xeral, mestres e alumnado da facultade de Belas Artes, familiares e amigos.

Alfonso Rueda: "Este é un espazo magnífico. Hoxe saldamos unha débeda con Moldes por parte das institucións. Tiña que ter un local á súa altura e teno"

Precisamente un dos seus amigos, Xocas Meixide, foi o encargado de poñerlle música ao acto interpretando ao clarinete unha peza inspirada en Manuel de Falla. "Tocou en moitas das súas exposicións, tocou cando nos deixou e tiña que tocar hoxe aquí tamén neste rexurdimento", explicou May Díaz que, xunto con Ramón Rozas, se encargou de explicar cales eran os obxectivos principais da Fundación Manuel Moldes e os usos da súa sede. Entre os primeiros destacaron a conservación e divulgación da obra do artista. Sobre os segundos apuntaron que, entre outras cousas, o espazo estará aberto a colaboracións con outros creadores.

Ramón Rozas: "As cousas poden facerse ben ou moi ben e penso que o que se conseguiu nesta estancia é realmente sorprendente"

"Grazas por acompañarnos nun día tan especial coma este, un día de festa", comezou dicindo Ramón Rozas. Durante a súa intervención, o crítico agradeceulle á familia, en nome da sociedade galega, que "loitase durante todos estes anos para que a obra de Manuel Moldes non ficase agochada nun taller para sempre".

Asemade, agradeceulle á Xunta de Galicia "a sensibilidade" que demostrou apostando por este proxecto. "As cousas poden facerse ben ou moi ben e penso que o que se conseguiu nesta estancia é realmente sorprendente. Segundo asegurou, no espazo que é a sede da fundación queda asegurado que a obra de Moldes se trate "con todo o respecto que merece".

Ramón Rozas lembrou tamén que o edificio da Xunta está xusto enfronte do que foi o taller do artista toda a súa vida. Neste sentido, puxo en valor o barrio no que el viviu e no que agora estará a fundación co seu nome. "Eu, que medrei neste mesmo barrio e que é no que traballo, porque aquí está o Diario de Pontevedra, sei da importancia que teñen este tipo de cousas para dinamizalos. Neste caso, mantendo ademais ese fío directo co taller".

O comisario explicou que o concepto da exposición que inaugura a sede está conectado co concepto que está detrás da fundación: a conservación da obra e a súa difusión. Así, lembrou que na mostra, que permanecerá aberta ata o día 30 de marzo (xoves e venres, pola tarde; sábados, mañá e tarde) hai exemplos do traballo de Moldes dende a época do grupo Atlántica ata a de Vieiros e Links. De igual maneira insistiu en que a fundación será "un espazo aberto á cidadanía, con especial atención ao interese de Moldes por manter relación coa xente nova, coa xente que está comezando a pintar".

Historia da creación dunha fundación
A creación dunha fundación co nome de Manuel Moldes, que preservase  e divulgase o seu legado, púxose enriba da mesa por parte da familia apenas uns días despois do falecemento do artista, o 3 de decembro de 2017. A Xunta de Galicia apoiouna dende o primeiro momento. O 8 de xullo de 2019, faise público que a fundación será unha realidade e que ocupará os 500 metros cadrados do oitavo andar do edificio administrativo de Benito Corbal. O investimento inicial foi de 250.000 euros. A previsión era que funcionase no verán de 2020, pero a pandemia e as sucesivas obras atrasaron a apertura. O 12 de novembro de 2020, a fundación quedou constituída ante notario.

Comentarios