'As Alumnas' comezan con matrícula no Guerrilla

O primeiro día do festival contou, ademais, co faladoiro A resistencia galega na educación de Pilar Allegue e Xosé Manuel Cid
O Festival Guerrilla abriu as súas portas na tarde do xoves. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O Festival Guerrilla abriu as súas portas na tarde do xoves. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A nova edición do Festival Guerrilla tivo a súa estrea este xoves. Os encargados desta, no Teatro Principal foron Pilar Allegue e Xosé Manuel Cid, co faladoiro A resistencia galega na educación –dinamizado por Vero Rilo– e o espectáculo teatral As Alumnas. Este espectáculo tamén estivo centrado na temática protagonista do faladoiro.

O festival, que debutou o ano pasado na programación pontevedresa, está impulsado polo propio Concello de Pontevedra e por Culturactiva S. Coop Galega. O obxectivo de Guerrilla non é outro que o da persecución dunha sociedade máis xusta a través dunha cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, resiliente e accesible a todas e todos.

Hoxe, na segunda xornada do evento, a temática do faladoiro será a da represión musical no franquismo e entre os seus participantes atoparanse Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, Fernando Fernández Rego e Luís Pastor. O acto, moderado por Susana Regueira, terá lugar ás 18.00 horas na Sala de Conferencias do Teatro. Ás 21.00 horas, por outro lado, o propio Luís Pastor repetirá participación co seu concerto no Teatro Principal, que recibe o nome de Grándola de mi querer.

Por diante, amais do día de mañá, dúas xornadas máis que terán lugar estes próximos sábado e domingo. A primeira estará protagonizada polo actor Pepe Viyuela e, na segunda, participarán artistas como Uxía Senlle, Dakidarria, Yslem Hijo del Desierto, Anxela Branco, Isabel Risco ou o Colectivo AB.iO.

Comentarios