Cine euroárabe en defensa do amor

O ciclo Amal en Ruta recupera a programación cultural no Teatro Principal tras as obras que mantiveron o espazo pechado ▶ Proxectaranse dous documentais e tres ficcións entre o 5 o 9 de setembro con entrada de balde
Os dous protagonistas de 'The reports on Sarah and Saleem'.
photo_camera Os dous protagonistas da película 'The reports on Sarah and Saleem'.

O Teatro Principal de Pontevedra recupera o luns 5 de setembro a súa programación cultural, tras as obras que o mantiveron pechado nos últimos meses. Farao coa proxección do documental Gods of Molenbeek. Trátase dun filme que transcorre no distrito de Molenbeek, en Bruxelas, onde a amizade entre dous cativos de distinta relixión se ve afectada polo terrorismo islámico. É o primeiro título do ciclo Amal en Ruta, que move por distintos espazos culturais galegos algúns dos títulos máis relevantes do festival de cine Amal, que se celebra en Santiago de Compostela. Dende 2016, esa mostra de cine euroárabe pódese ver na capital da provincia.

Desta vez, ademais de Gods of Molenbeek, que supuxo o debut na dirección da finlandesa Reetta Huhtanen, proxectaranse outras catro películas. O 6 de setembro pasarase 200 meters, ficción que conta a historia dun pai separado da súa familia polo muro de Cisxordania, "ese muro terrible condenado pola comunidade internacional", segundo lembrou o presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Martínez, na presentación do ciclo. 

O 7 verase The return: Life After Isis, documental da catalá Alba Soterra sobre dúas mulleres "que caen nos tentáculos do Estado Islámico e que tratan de recuperar o amor á vida". O 8 proxectarase Gaza Mon Amour, ficción que conta a historia de amor en Gaza entre dúas persoas maiores que teñen que enfrontar diversas dificultades, entre outras, "os prexuízos dos demais", e que foi premiada no Festival de Toronto e na Seminci de Valladolid. Finalmente, o ciclo clausurarase o día 9 con The reports on Sarah and Saleem, película que narra o romance, fóra dos seus matrimonios, entre unha muller israelita e un palestino de Xerusalén e que foi premiada no Festival de Rotterdam. Todos os filmes proxectaranse ás 21.00 horas e a entrada será de balde. 

O director do festival compostelán, que presentou a programación acompañado pola concelleira de Cultura, Carme Fouces, e polo coordinador do ciclo, Fernando Méndez, explicou que o eixe sobre o que xiran as proxeccións deste ano é "a loita do amor" en diferentes ámbitos e contextos "contra todos aqueles que queren que desapareza".

Ghaleb Jaber Martínez tamén aproveitou para reivindicar a importancia deste tipo de actividades que axudan a visibilizar culturas máis alá da estadounidense, a máis presente no ámbito da exhibición cinematográfica. "É fundamental que as administracións públicas traballen neste sentido contra as grandes maquinarias propagandísticas, para que os intereses económicos dos exhibidores non esmagen todo o demais". A maiores, o director da proposta tamén explicou que este tipo de programacións permiten que "o cine árabe, que é un cine exquisito, siga sobrevivindo".

No mesmo sentido se pronunciou Carme Fouces, que dixo sentirse especialmente feliz de que a programación do Teatro Principal se retomase coas proxeccións de Amal en Ruta, "unha actividade que nos permite saír do discurso homoxéneo e achegarnos á realidade árabe".

Comentarios