Amancio Prada interpretará os ‘Seis poemas galegos', de Lorca, no Concerto de Aninovo

A actuación, que terá lugar o 1 de xaneiro no Pazo da Cultura, contará coa participación da Coral Polifónica e das pandeireteiras de Tequexetéldere da Estrada
 
Kike Vázquez, Judith Rey, Demetrio Gómez e Carlos Valle (de esquerda a dereita) presentando o Concerto de Aninovo. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera Kike Vázquez, Judith Rey, Demetrio Gómez e Carlos Valle (de esquerda a dereita) presentando o Concerto de Aninovo. CONCELLO DE PONTEVEDRA

O músico, compositor e intérprete berciano Amancio Prada unirase á Orquestra Sinfónica de Pontevedra no tradicional Concerto de Aninovo, que a agrupación ofrece o 1 de xaneiro (19.30 horas; entradas: ataquilla.com) no Pazo da Cultura. Farao interpretando os Seis poemas galegos, de Federico García Lorca, no que será unha versión que coincide co 90º aniversario da súa escrita por parte do poeta de Granada.

Así o anunciou a presidenta da sociedade que xestiona a Sinfónica de Pontevedra, Judith Rey, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e por representantes das outras dúas agrupacións que participarán no concerto: o presidente da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, Carlos Valle, e Kike Vázquez, da agrupación folclórica Tequexetéldere, da Estrada, que subirá as súas pandeireteiras ao escenario. 

Á parte dese espazo que sempre nos gusta ter reservado para a música tradicional galega, estarán tamén presentes os habituais polcas e valses vieneses

Valle dixo, no nome da Coral Polifónica de Pontevedra, sentirse moi honrado polo convite da Orquestra Sinfónica a participar neste concerto "de especial significación social e cultural", pero tamén "de especial significado simbólico por dúas razóns: o aniversario da escrita dos poemas de Lorca e o feito de que terá lugar na véspera da conmemoración do centenario da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, que foi fundada en 1925".

Baixo a dirección de David Fiuza

Judith Rey avanzou que, como noutras ocasións, o Concerto de Aninovo de Pontevedra estará dividido en dúas partes, "así que, por suposto, á parte dese espazo que sempre nos gusta ter reservado para a música tradicional galega, estarán tamén presentes os habituais polcas e valses vieneses propios deste concerto". David Fiuza será o director da actuación e foi o responsable da adaptación orquestral que se fixo dos temas.

Rey referiuse a Amancio Prada como "un magnífico cantautor, distinguido por universalizar a música, a letra e a cultura galegas, poñéndolle son a poemas de autores como Rosalía de Castro". Segundo a presidenta da Orquestra, "Amancio Prada está encantadísimo de volver a Pontevedra e revivir os recordos infantís das viaxes familiares". Tal e como dixo, "el define o que se escoitará como o relato que sempre tivo na mente dos poemas de Lorca".

Comentarios