Pablo Piñeiro presenta o seu monólogo con moito amor e con humor

Tras unha preestrea no cárcere da Lama, Pablo Piñeiro presenta esta fin de semana en Sanxenxo o seu monólogo Lo positivo de fracasar en el amor, dirixido por Fran Perea ► O proxecto de recompilación de historias sobre relacións que realiza o autor meañés levouno a publicar un libro, a ser considerado un 'gurú' pola revista Cosmopolitan e a protagonizar unha charla TEDx
Pablo Piñeiro bromeando cun globo con forma de corazón.
photo_camera Pablo Piñeiro bromeando cun globo con forma de corazón. DAVID FREIRE/ ARQUIVO

"Foi unha pasada". É como resume Pablo Piñeiro (Dena, Meaño, 1986) o seu paso polo cárcere da Lama esta semana. Estivo facendo iso que vén facendo dende 2016: recompilar historias de amor.

"A idea deuma unha amiga, que foi directora no instituto de Meaño e que, cando se prexubilou, se converteu en voluntaria neste cárcere. A través de Cruz Vermella propuxen ir alí escoitar historias de amor dos reclusos. Sen ningún afán de facer nada concreto con iso. Simplemente para incorporalo ao meu coñecemento. E resultou ser unha experiencia inolvidable".

O actor, modelo e escritor aproveitou a súa visita ao penal para facer alí unha preestrea do seu monólogo Lo positivo de fracasar en el amor, no que o dirixiu o seu amigo Fran Perea, cantautor e intérprete co que tamén comparte un espectáculo co que veñen xirando dende o ano pasado. A proposta humorística está baseada no seu libro, que se titula igual.

A publicación desa obra cambiou a vida de Pablo Piñeiro. Entre outras cousas levouno a ser considerado un "gurú del amor" nunha reportaxe da revista Cosmopolitan e a protagonizar unha charla TEDx (promovidas en todo o mundo por unha organización sen ánimo de lucro que busca "ideas dignas de difundir").

O último proxecto saído daquela experiencia de Piñeiro na que se ofrecía a escoitar gratis historias de amor é o monólogo que avanzou na Lama e que esta fin de semana estrea en Sanxenxo. "Nunca imaxinei cando comecei con todo isto que acabaría xerando o que xerou. E a saber ata onde pode chegar", prognostica.

Cartas. "Na Lama estiven con arredor de 15 reclusos, entre as once da mañá e a hora de comer", di o meañés. "E quedei moi impactado. Foi súper bonito".

Conta dúas das historias que escoitou. "Un dos homes relatoume que fora voluntario dunha ONG e que marchara construír escolas a Panamá, a unha zona da selva bastante inaccesible. Nada máis baixar do autobús, atopouse cunha rapaza fermosísima nun posto de froita. Quedou prendado. E despois seguiu coincidindo con ela en diferentes zonas daquel lugar, no hospital, etc. Así que o que ía ser un mes de traballo coa ONG acabaron sendo oito meses de vida con ela. Cando volveu a España perdeu o contacto e xa nunca o puido recuperar".

Outra das historias que lle contaron estaba a suceder alí mesmo nestes momentos. "Era a dunha parella que xurdíu no propio cárcere, que se namorou dentro e que agora mantén a relación por carta porque están en módulos diferentes".

Piñeiro, que conta que está a tratar de desenvolver un proxecto audiovisual a partir de toda esta experiencia de recollida de historias de amor, recoñece que a actividade que desenvolveu na Lama tamén lle serviu para confirmar cuestións sobre as que baseou a súa charla TEDx e veu poñendo o foco estes anos. Unha delas é a necesidade de educación emocional.

"Como non existe nada diso, a grandísima maioría as persoas, da condición que sexan, seguen baseando as súas relacións no amor romántico, que é o único que coñecemos e co que se nos bombardea por todos os lados: dende a literatura, o cine, a música... Así que a expectativa que temos case todos é a de que nos namoraremos e acabaremos casados, felices e comendo perdices, cando todo iso é unha gran mentira. Ninguén come perdices. E iso xera unha frustración bestial".

Pablo Piñeiro explica que comprobou cos presos como esa frustración, "esa pena, esa ansiedade ou esa depresión, que ninguén nos ensina a xestionar", moitas veces contribuía a buscar unha saída no alcohol ou nas drogas. "Moitos deles ontáronme como iso fora un detonante para acabar onde acabaran. É tremendo".

No monólogo que estrea agora volve aí. "Aínda que o fago dende a coña, o que propoño é unha reflexión sobre todo isto, que tamén está moi relacionado coa igualdade e coa violencia machista. Oxalá sirva para que a xente lle dea unha volta a todas estas cousas".

Comentarios