Ana Miralles e Miguelanxo Prado estarán nas Xornadas de Banda Deseñada ‘BDra Gráfica’

O ciclo celebrarase entre o 17 e 19 de marzo no Teatro Principal e no Museo ▶ Charlas con autores, un apartado dirixido a profesionais e exposicións como unha dedicada á serie Dragon Ball forman parte das actividades
O libreiro Cano Paz, a editora de La Cúpula Natalia Mosquera, a concelleira Carme Fouces e o debuxante Kiko da Silva. DIANA CARRACELAS
photo_camera O libreiro Cano Paz, a editora de La Cúpula, Natalia Mosquera, a concelleira Carme Fouces e o debuxante Kiko da Silva. DIANA CARRACELAS

Pontevedra acollerá as súas primeiras Xornadas de Banda Deseñada, entre o 17 e o 19 de marzo. O coordinador da proposta, Kiko da Silva, presentou este xoves a programación acompañado pola editora de La Cúpula Natalia Mosquera e polo libreiro Cano Paz, involucrados tamén na iniciativa. Miguelanxo Prado, Ana Miralles, Laura Pérez e Antonio Altarriba son algúns dos autores que virán á cidade para participar nesta actividade, que se bautizou como BDra Gráfica e que inclúe un apartado de actividades dirixido aos profesionais do sector.

"A data da celebración, o 17 de marzo, escolleuse porque, dende o ano pasado, este é oficialmente o Día do Cómic", explicou Da Silva, ao respecto do inicio das xornadas, que contan cun cartel deseñado pola ilustradora madrileña Ana Miralles. Ela mesma participará en persoa nas actividades do evento e protagonizará unha das exposicións que acollerá o Museo entre o 17 de marzo e o 9 de abril. "Estará composta por un cento de orixinais", contou Kiko da Silva, que lembrou que Miralles é unha das ilustradoras españolas máis cotizadas a nivel internacional. "É un enorme privilexio poder contar con ela".

A data da celebración, o 17 de marzo, escolleuse porque, dende o ano pasado, este é oficialmente o Día do Cómic

Ademais da de Miralles, o Museo acollerá a mostra As bolas máxicas, composta por unha serie de cels orixinais da serie Dragon Ball, "que nos cedeu un coleccionista".

O segundo andar do Teatro Principal, que será o que acolla as actividades abertas ao público xeral (incluídos os stands de venta das editoriais participantes e das librerías Paz, Seijas e Nobel), será onde se coloquen outras dúas mostras: unha da Plataforma de Editoriales Independientes de Cómic (Peic) e outra dos Premios O Garaxe Hermético. Ao traballo que realiza Peic referiuse onte Natalia Mosquera. "Esta fue una iniciativa que pusimos en marcha durante la pandemia, cuando se cerraron las librerías y muchas editoriales pequeñitas nos vimos en serio peligro de desaparecer", explicou. "Nuestro objetivo es aunar esfuerzos y que la plataforma se convierta en un foro de debate donde se aporten soluciones". Na exposición poderase ver un exemplo do traballo que publican os 16 selos asociados.

Mosquera tamén fixo unha referencia explícita ás actividades dirixidas a profesionais (encontros, debates e postas en común) que inclúen as xornadas de Pontevedra, "porque cada vez son menos los espacios en los que nos podemos encontrar todos". Estas actividades terán lugar no Museo de Pontevedra.

Con respecto aos autores que protagonizarán charlas, presentacións e asinarán exemplares do seu traballo, a programación das xornadas combina a presenza de galegos como Alicia Jaraba, Adrián Morgade, Anémona del Río e Fonso Barreiro coa de outros nomes moi relevantes a nivel estatal como os de Laura Pérez, autora dos cómics Ocultos e Tótem, con Astiberri, premiados a nivel nacional e internacional, ou Anabel Colazo, autora de La Cúpula que publicou o ano pasado Espada. Xunto a todos eles estarán referentes como os mencionados Ana Miralles ou Miguelanxo Prado, ademais do guionista Antonio Altarriba, Premio Nacional de Cómic en 2010 por El arte de volar.

A programación completa das xornadas pode consultarse aquí.