Ana Romaní reclama "unha radio pública máis comprometida" no seu ingreso na Real Academia Galega

Ocupa desde este sábado a cadeira que quedara vacante polo falecemento de Xohana Torres

Ana Romaní, durante o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. LAVANDEIRA JR.
photo_camera Ana Romaní, durante o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. LAVANDEIRA JR.

A xornalista e poeta Ana Romaní reivindicou unha "radio pública que se comprometa" coa "realidade e o futuro do país", no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega como nova académica de número. A escritora que desenvolve desde os anos 80 o seu traballo na Radio Galega, onde foi responsable do Diario Cultural de 1990 a 2018, lembrou o "traballo colectivo" que converteu o proxecto "nun veleiro radiofónico" e apelou a que "entre todas e todos" se realice unha radio pública "máis comprometida", "na independencia e no entusiasmo", coa "realidade e o futuro do país". 

"É a radio pública que poderiamos estar a facer, porque hai profesionais comprometidos, porque hai audiencias que a demandan e un idioma que a urxe", subliñou, no Teatro Coliseo de Noia no que se desenvolveu o acto. Pero a radio e a televisión pública "non só son medios de comunicación en galego", advertiu. "Deberían ser os medios galegos, modelos de información dun país, por tanto deseños propios de parámetros informativos, de liñas de programación, de estruturas organizativas que garantan a súa independencia, desde un profundo coñecemento e análise da historia dun país, dunha cultura, do idioma no que é". 

Ana Romaní ocupa desde este sábado a cadeira que quedara vacante após o falecemento de Xohana Torres (Ferrol, 1929-Vigo, 2017), "símbolo de decidida navegación e ousadas travesías". Con ela estableceu o diálogo inicial do discurso titulado Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas, a bordo dunha nave na que tamén rescatou a voz do poeta de Noia Avilés de Taramancos, outra figura decisivo no seu "tear do poeta". 

Freixanes: "Cando os académicos falamos da súa entrada pensamos no poeta, na activista cultural que leva moito tempo comprometida co país, e tamén na comunicadora"

A viaxe literaria arrincou asucando o mesmo mar no que a súa predecesora puxera navegar a Penélope no soado poema que publicara por primeira vez na Festa da Palabra Silenciada (1987). 

Do mesmo xeito que Xohana Torres, Ana Romaní tamén homenaxeou no seu discurso de ingreso na RAC ás mulleres "invisibilizadas" pero imprescindibles, como a súa avoa Manuela, responsables de botar luz sobre a "fascinación adolescente" da nova académica co poeta María Mariño. "No século dezanove compútanse máis de 150 escritoras en Galicia. Para que o poema de Rosalía de Castro escoite con esa absoluta inclinación do corpo, atendendo, foi preciso que outras falasen polo baixo, andaran polos cuartos pechados dunha memoria de escasa escoita das súas voces. Voces, ruídos, falas, hiperbólicas ou afásicas que conforman o magma no que unha escritura arde, incandescente e sucede", expresou. 

Ana Romaní puxo así en valor a "escritura comunal" que atravesa "o mundo e a escoita". Xunto ás pioneiras, non faltaron tampouco referencias a outras autoras contemporáneas como Pura Vázquez, Xela Arias, Begoña Caamaño ou María do Carme Kruckenberg, que estableceron "complicidades na resistencia", "lazos que engastan complicidades e diálogos de voces tan distintas". "Non é só asunto literario, esténdese nos lavadoiros dos ríos, nas cadeas da conserva, nas redes dos portos", engadiu. 

A académica de número Margarita Ledo foi a encargada de darlle resposta nunha intervención na que repasou a traxectoria literaria e xornalística da nova compañeira do plenario, recoñecida con galardóns como o Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Ministerio de Cultura. 

"Cando os académicos falamos da súa entrada pensamos no poeta, na activista cultural que leva moito tempo comprometida co país, e tamén na comunicadora", destacou pola súa banda o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, tras facerlle entrega da medalla e o diploma da académica de número. 

Comentarios