A Aña converterá Pontevedra nun fervello

Obradoiros de bailes do ramo e de toques de leghón forman parte da programación que a asociación cultural Trépia levará adiante o sábado 27 de abril ▶ Comando Curuxás e Morenos Peludos actuarán na carpa da Praza de España, que acollerá postos de artesanía e de comida todo o día
Membros da asociación Trépia xunto ao concelleiro Demetrio Gómez (segundo pola esquerda) na presentación da Aña Urbana de 2024. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Membros da asociación Trépia xunto ao concelleiro Demetrio Gómez (segundo pola esquerda) na presentación da Aña Urbana de 2024. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Obradoiros, roteiros e concertos compoñen a programación da Aña Urbana deste ano, que celebrará a asociación cultural Trépia o sábado 27 de abril na Praza de España de Pontevedra. "Vai ser unha fin de semana na que Pontevedra se converterá nun fervello", indicou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, na presentación do evento, este mércores, no que estivo acompañado de varios membros do colectivo organizador. 

Un deles, Toño Vázquez, lembrou que esta actividade recupera un conxunto de rituais e costumes recollidos en zonas de Pontevedra, como Mondariz, Fornelos de Montes ou Pazos de Borbén, "ademais doutros espazos nos que están documentados como Boqueixón, en A Coruña", nestas datas do mes de abril, que se corresponden coas da preparación da terra para a sementeira do millo. Estes traballos que se realizaban de xeito comunal entre a veciñanza, segundo explicou Vázquez, incluían a interpretación de cantigas e danzas como o baile do ramo, "que facían os primeiros en rematar coa tarefa e que acababa chantando na leira un ramo con flor, as máis de veces de loureiro".

Lembrando esta tradición, Trépia vén celebrando a Aña Urbana dende hai varios anos. A carpa da Praza de España quedará aberta ás 11.30 horas. No seu interior haberá postos de artesanía e de comida. Ás 12.00 horas terá lugar un roteiro polo centro da cidade no que participarán cinco agrupacións: Soalleira, Os Muíños de Oliveira, Peis d'hos, Redobla e os anfitrións, Trépia. "Dependendo do tempo quizais haxa que improvisar onde o facemos. O ano pasado rematamos bailando nas galerías Oliva", lembrou Toño Vázquez. 

Pola tarde, a partir das 17.00 horas, terán lugar os obradoiros abertos de toques de leghón e de baile do ramo, a cargo de Luis Prego. Ás 19.00 horas actuarán as distintas escolas da asociación Trépia. As actividades nocturnas comezarán, ás 21.00 horas. Haberá concertos de Comando Curuxás, banda formada por xente de Monterroso (Lugo) e de Santiso (A Coruña) como Alberto Núñez, Pablo Pardo 'Pacior', Miguel Anxo López, Pablo Pascual e Serxio Núñez, e de Morenos Peludos, dúo de pandereteiros pontevedreses saído de Trépia e formado por Jacobo Leiro e Ricardo Ferradás 'Ferri'. A Aña rematará, como habitualmente, cun serán que ten previsto alongarse ata a madrugada.