ENTREVISTA XX

"Hai que perderlle o medo aos arquivos"

Entrou a traballar en 1993 na Deputación de Pontevedra. Cando se xubilou Miguel Pereira, hai nove anos, Ana Vicente pasou a dirixir o Arquivo Provincial. "A vida sempre te sorprende", di.
Ana Vicente (Pontevedra, 1966). DAVID FREIRE
photo_camera Ana Vicente (Pontevedra, 1966). DAVID FREIRE

Como chegou a ser xefa do Arquivo da Deputación de Pontevedra?
A casualidade fixo que entrase a traballar na Deputación de Pontevedra como correctora lingüística da súa editorial no ano 1993. Daquela era xefe do servizo Miguel Pereira, unha persoa extraordinaria.

Queríalle preguntar precisamente por el, porque foi o seu antecesor no cargo e traballaron moito tempo xuntos. 
Non quería deixar de mencionalo de ningunha maneira porque o Arquivo Provincial actual débeselle en boa parte a Miguel Pereira. Era un referente para todos tanto pola súa labor profesional como pola súa calidade humana. Non puiden ter un xefe mellor. El tiña moito afán porque o arquivo medrase e se diversificarse. Empezou a publicar libros na editorial, a darlle forma a unha biblioteca... Todo isto, con moi poucos medios. Tivo un mérito incrible. Cando se xubilou, hai nove anos, foi cando eu, case sen darme conta, tiven esta oportunidade. Nunca se me pasara pola cabeza. Pero a vida sempre te sorprende, tanto no campo profesional como no persoal. E aquí estou.

Miguel Pereira era un referente para todos, tanto pola súa labor profesional como pola súa calidade humana. Non puiden ter un xefe mellor

Que hai no Arquivo Provincial? 
Para empezar habería que dicir que, aínda que a cidadanía e os propios traballadores se refiren a el como o Arquivo Provincial, do que falamos é do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico. O certo é que reúne fondos moi diversos, non só arquivísticos, tanto da Deputación como dos concellos da provincia, senón tamén bibliográficos. Están divididos en biblioteca, fondos audiovisuais e cartoteca, esta última vinculada á Casa do Mapa de Madrid. Somos unha das súas sedes. Neste sentido posuímos unha colección moi interesante de vistas aéreas, mapas, etc. A maiores temos a editorial, a través da que se lle dá saída a publicacións que non optan a conseguir unha distribución comercial. Por exemplo: títulos culturais, de arte ou centrados en temas de investigación local. Ademais, nos últimos anos déuselle un pulo importante á sección de memoria histórica, en boa medida grazas á implicación da actual deputada provincial deste eido, María Ortega, traballadora incansable. Estase facendo un esforzo inxente para axudar a conservar e difundir a nosa memoria, entre outras cousas, a partir da investigación, a recompilación e a dixitalización de documentos da etapa franquista para poñelos a disposición do público xeral. Estamos moi involucrados nese obxectivo a curto prazo. Tamén sería importante destacar que anualmente abrimos tres liñas de subvencións: para edición, para rehabilitación de patrimonio histórico e para rehabilitación de patrimonio marítimo-fluvial. A primeira quizais sexa a máis coñecida, porque leva funcionando máis tempo. As outras dúas funcionan dende hai dous, pero son igualmente importantes.

¿Teñen algunha xoia gardada?
Ata as xoias son subxectivas. O instrumento de difusión que poñemos a disposición da cidadanía é Atopo (atopo.depo.gal), un portal dixital a través do cal se pode acceder a máis dun millón de rexistros. Estou segura de que, entre eles, quen se achegue pode atopar a súa xoia. Sorprendería a cantidade de documentación que pode resultar interesante para o público xeral. Incluso de índole totalmente persoal: temos, por exemplo, documentos do Hospicio de Pontevedra. Eu invito a todo o mundo a que veña ao Arquivo Provincial. Estou segura de que sempre se vai atopar algo que lle vai encantar descubrir. Nós celebramos cada unha das visitas e cada unha das solicitudes de documentación. Todo o equipo traballa pensando en que está facendo algo de utilidade para a sociedade. Eu saio todos os días pensando nisto, en se fun útil para a cidadanía. Porque ese é o meu obxectivo principal.

Estase facendo un esforzo inxente para axudar a conservar e difundir a nosa memoria, entre outras cousas, a partir da investigación, a recompilación e a dixitalización de documentos da etapa franquista para poñelos a disposición do público xeral

Porque os cidadáns en xeral teñen reparos en achegarse aos arquivos? 
Eu creo que si e que hai que perderlle o medo. Moitas veces o público entende que os arquivos son espazos reservados para os estudosos ou os investigadores, para unha elite cultural ou intelectual. Por iso temos que facer un esforzo para demostrar que traballamos absolutamente para todas as persoas. Podemos achegarlle algo importante a calquera que se achegue a nós. Que non teñan medo de vir a coñecernos, porque ninguén está por enriba de ninguén e aquí estamos todos para aprender.

Como andan de espazo? Esta é sempre unha cuestión complicada nas bibliotecas e nos arquivos. 
Moi complicada, si. Non para nós senón, como dis, para calquera institución que traballa coa conservación de documentos, que ademais dun espazo concreto necesitan unhas condicións moi específicas de mantemento. É ademais un problema cada vez maior e cada vez de máis difícil solución. É quizais o gran reto ao que se enfrenta o Arquivo.

Ten algún outro?
Estamos moi involucrados en concienciar á cidadanía na recuperación de fondos que poidan ser de interese xeral. Porque é un momento clave no que, por exemplo, a fotografía se está perdendo. E estamos falando da memoria de toda a sociedade, da nosa cultura e da nosa historia.

Que é o máis bonito do seu traballo?
A xente coa que coincidín traballando, que é extraordinaria. Quizais non se percibe dende fóra como debería, pero este é un traballo que esixe unha gran dedicación e esforzo. Incomensurable, moitas veces. Todas as persoas do Arquivo Provincial fan unha labor fantástica. Gustaríame que iso lle chegase á cidadanía.

Comentarios