martes. 14.07.2020 |
El tiempo
martes. 14.07.2020
El tiempo

Andrea Bayer e Bea Campos únense ao 'Club das lerchiñas'

Andrea Bayer. ADP
Andrea Bayer. ADP
As dúas contadoras pontevedresas forman parte da nova iniciativa online que vén de poñer en marcha a Cidade da Cultura

As contadoras pontevedresas Andrea Bayer (Baobab) e Bea Campos (Migallas) fomarán parte do Club das lerchiñas, unha iniciativa en forma de sesións de contos online para toda a familia e de balde que vén de poñer en marcha a Cidade da Cultura a través da súa páxina web (www.cidadedacultura.gal) e das súas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter).

A proposta, enmarcada na campaña de lecer e formación #aculturasegue da Xunta, contará tamén coa participación do dúo que conforman María Lado e Lucía Aldao, ademais de con Paula Carballeira e con Ledicia Costas.

O Club das lerchiñas botará a andar o 9 de maio e contará cunha emisión en liña todos os sábados ata o 6 de xuño. "Estas seis contadoras galegas achegaranlles ás familias, a través de internet, historias sinxelas e amenas, baseadas na tradición oral e tamén contos da súa propia autoría".

Segundo indica a Xunta, esta actividade forma parte da programación que desenvolve a Cidade da Cultura usando a rede "co obxecto de ofrecer contidos culturais e de lecer de calidade nesta época de obrigado confinamento pola crise da Covid-19". Segundo o Gaiás, neste caso en concreto, "procúrase fornecer a programación familiar, á vez que espertar o interese da cativada pola lectura e pola narración oral".

programación.

A programación do Club das lerchiñas comeza, o próximo sábado, cunha sesión a cargo de María Lado e Lucía Aldao, "dúas autoras cunha ampla bagaxe en espectáculos baseados na narración oral e para a cativada, que adaptan a este formato a súa historia de Po e Xía".

A segunda sesión terá lugar o 16 de maio. Bea Campos particiará coa súa propia versión do conto tradicional A princesa e o chícharo. A actriz, narradora e directora teatral ten no seu haber o Premio de Interpretación Marta Sieiro, forma parte da compañía Migallas Teatro e participa de xeito habitual na canle de difusión de literatura infantil Kalandraka TV.

A seguinte cita, o 23 de maio, tamén estará protagonizada por outra pontevedresa, Andrea Bayer, que estará acompañada polo boneco Roque, un personaxe moi querido e coñecido polo público da compañía Baobab. Candidata aos Premios Max 2013, Bayer ten sido recoñecida, por exemplo, na Feria de Teatro de Ciudad Rodrigo.

Paula Carballeira encargarase da sesión do 30 de maio. No seu caso, contará Un conto con miga e codia. Membro de Berrobambán. Carballeira ten levado a cabo producións infantís tanto na súa compañía, como no Centro Dramático Galego.

Pechará o Club das lerchiñas, o 6 de xuño, a escritora viguesa Ledicia Costas co seu conto Conexión macarrón. Premio Merlín e Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta, é a única autora galega que posúe dous Premios Lazarillo.

Andrea Bayer e Bea Campos únense ao 'Club das lerchiñas'
Comentarios