miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Andrea Vázquez: "Con 'O que arde' foi todo inocencia, desexo e ganas"

Andrea Vázquez (Vigo, 1981). ISAURA DOCAMPO
Andrea Vázquez (Vigo, 1981). ISAURA DOCAMPO
Está co equipo de Miramemira, detrás do histórico gran éxito do cine galego que 'O que arde'. Agora prepara 'San Simón'

Comeza a temporada de entrega de premios do cine. Están preparados? O que arde está entre as candidatas aos máis importantes.
Comezamos esta fin de semana [o pasado sábado] viaxando a Madrid para os Premios Forqué, onde o filme é candidato a mellor película. Despois virán os Feroz, o xoves 16, onde optamos a mellor película, director, guion, cartel e tráiler. Nos Gaudí, o domingo 19, competimos por mellor película europea e fotografía. E finalmente están os Goya, o 25 de xaneiro, onde o filme é candidato a mellor película, dirección, actriz revelación e fotografía.

Esta é unha película-alegría.
Sí, como dicía a xornalista María Yáñez, de Vinte, é unha película-acontecemento, a película que estaban buscando todas as galegas e os galegos. Porque, así como en Euskadi e Cataluña tiñan xa a súa película-identidade, aquí non acababa de existir ese título co que identificarse.

É a película en galego máis vista da historia. Todo un fito.
Exacto. É unha pasada.

E todo naceu nunha conversa entrecortada por videoconferencia co seu director, Oliver Laxe.
É que nós nunca pensaramos en traballar en cine. Si en documental, onde fixeramos xa algunha cousa, pero moi pequena. Pero é que nin en curtametraxes de ficción pensabamos. Tamén é verdade que probablemente nunca tivera diante o proxecto que me levara a dicir: este. Naquela conversa entrecortada con Oliver xurdiron algunhas palabras clave que foron as que abriron unha porta que xa non puidemos pechar.

O de O que arde foi un éxito inesperado?
Foi inesperado no sentido de que é moi difícil chegar a este punto. Pero si que, dende o principio, había unha idea moi clara detrás da película: chegar a todo o mundo. Non queriamos facer un cine ‘ensimismado’. Era evidentemente cine autoral, quizais non de grandes masas, pero si que tiñamos na cabeza dende o principio que o filme tiña que conectar coa xente. Neste sentido houbo un traballo de depuración moi importante tanto en guion como en rodaxe para quedara unha historia esencial. Para min ese traballo é do máis representativo da película.

"Con O que arde houbo un crack", ten dito vostede.
Claro, porque Miramemira é unha produtora que comezou a traballar en 2006 facendo traballo audiovisual para institucións culturais. Tamén para compañías escénicas. É dicir, tiñamos unha liña de traballo moi específica. O ‘crack’ foi meterse a facer unha película que non era pequena, senón unha coprodución de tres países, a coprodución galega máis grande da historia. En España estabamos nós, que somos galegos, e Kowalski Films, que son vascos. Tivemos que aprender a facer un montón de cousas de cero. Case dende o principio tamén estivo iso claro: que isto era unha aprendizaxe e que esta era unha película para compartir. Por iso, entre outras cousas, estivo Xavi Font dende o principio comigo como produtor. Téñoo dito moitas veces, el foi un tipo clave en todo isto. Non é parte de Miramemira, pero como se fora. Entre os dous puidemos armar este quebracabezas.

No ámbito das artes escénicas, traballaron coa compañía da pontevedresa Marta Pazos, Voadora.
Si, e en varias ocasións. O primeiro contacto foi hai moito tempo. Viñamos traballando con Centro Dramático Galego, con Pisando Ovos... e nese ámbito foi que acabamos tamén con Voadora e con Marta Pazos. Da súa man fomos por primeira vez a traballar ao Théâtre de Montbéliard, en Francia, para o que dende entón facemos todos os promocionais.

O novo proxecto cinematográfico de Miramemira é ‘San Simón’.
Si, é no que estamos traballando agora mesmo. É un proxecto do director Miguel Ángel Delgado, que está detrás de Morelli Producciones, unha empresa que ten moitos puntos en común con Miramemira. El leva tempo facendo unha investigación sobre as illas-cárcere. O seu compañeiro en Morelli é Nico Combarro, fotógrafo vigués, que un día lle descubriu San Simón. Quedou prendado, claro. E cando coñeceu a súa historia, aínda máis. Aí naceu a idea da película, á que nos lanzaremos de cabeza este ano. En outono contamos con estar rodando. Estará ambientada totalmente na illa, durante os anos nos que funcionou como campo de concentración, entre 1936 e 1943. Terá un carácter autoral tamén forte, tanto dende a dirección como dende a produción, que é o que a min estimula, coidar os detalles, acadar esas cousiñas que fan un proxecto especial, iso que non hai diñeiro que o pague, que se acada con tempo e adicación. E queremos apostar outra vez por actores non profesionais.

María Yáñez titulou a súa entrevista para Papeis da Academia: Inocencia e coraxe. Definiuna ben?
Si, si, totalmente. Eu cheguei a O que arde sen ter nin idea de nada. Cando me atopei con esa película foi como cando te namoras, quedei entusiasmada e non era capaz de analizar as cousas dende un punto de vista práctico. Foi todo inocencia, desexo e ganas. Non tiñamos esa experiencia previa que te frea ante o que sabes que che vai complicar a vida, non arrastrabamos eses automatismos de «isto faise así» e punto. Enfrontamos esa idea de que ‘está todo inventado’. Non o está. O propio Oliver quería que o cuestionaramos todo, que partiramos de cero, que tiveramos esa actitude do que enfronta as cousas por primeira vez. O reto agora vai ser conservar esa inocencia e esa coraxe. Oxalá.

Andrea Vázquez: "Con 'O que arde' foi todo inocencia, desexo e ganas"
Comentarios