domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

"A Pontevedra faltáballe Novos Cinemas"

O cineasta Ángel Santos durante un acto no Teatro Principal. RAFA FARIÑA (ADP)
O cineasta Ángel Santos durante un acto no Teatro Principal. RAFA FARIÑA (ADP)
"Foron uns anos fantásticos nos que logramos poñer en marcha un festival tan modesto como fermoso", di Ángel Santos no seu comunicado de despedida do festival Novos Cinemas. Tras cinco anos á fronte da dirección artística do evento, o realizador volve aos seus proxectos

"He decidido cerrar esta etapa profesional para retomar mis proyectos como cineasta". Tras poñelo en marcha e codirixilo, xunto a Suso Novás e Daniel Froiz, Ángel Santos (Marín, 1976) deixa de estar á fronte do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas. Anunciouno a semana pasada a través dun comunicado e das súas redes sociais. O realizador, responsable de títulos como Las altas presiones, quere centrarse en sacar adiante algún novo proxecto cinematográfico.

Por que decidiu deixar a dirección de Novos Cinemas?
Hai varios motivos, pero o primeiro e fundamental é que é unha tarefa moi esixente e eu teño outras ocupacións, que estaba desatendendo. A máis importante, facer películas.

Que balance fai do seu paso polo festival?
En realidade, eu e o festival imos bastante unidos, porque formei parte do equipo que o puxo en marcha. Levantamos un festival da nada. Nese sentido estou moi orgulloso. Creo que fixemos un traballo súper interesante e que puxemos un festival no mapa moi rápido, non só a nivel galego, senón tamén estatal e incluso internacional. A maiores, vimos como a propia cidade foi respondendo e facendo seu o festival, que era o obxectivo.

"Estou moi orgulloso de ter formado parte do equipo que puxo isto en marcha. Levantamos un festival da nada. Agora, a cidade ten que integralo"

Unha idea que tiñan clara dende o principio era que o festival de Pontevedra se ía centrar nos primeiros traballos dos cineastas?
Si, ese foi o primeiro impulso. Unha vez que nos xuntamos para falar da posiblidade de montar un festival enseguida saíu a idea de centrarse nos novos autores. Pensamos que era algo que faltaba en Galicia, que xa conta cunha rede moi interesante de festivais. Ademais, pensando nas cousas que se facían na cidade, cadraba moi ben. Centralo nos novos valores e no novo talento parecíanos moi interesante.

Que supuxo para vostede como cineasta exercer como director dun festival?
Pois estar todo o tempo aprendendo cousas. Arredor do cine xéranse tantas cousas tan interesantes que sempre tes oportunidade de aprender. Se non paras de ver películas non paras de aprender. Descubres outros lugares, outras propostas, outras perspectivas... O cine é un territorio moi rico e co que é sinxelo interaccionar. De feito é bastante habitual que os cineastas se involucren en temas relacionados co ensino ou que os críticos se animen a facer unha película, por poñer dous exemplos. A nivel persoal, deixei de lado a parte máis creativa para traballar por un proxecto que nos levaba a compartir coa xente cousas que nos parecían interesantes ou que nos emocionaban. E acabas por sentir eses proxectos como propios. Aínda que sexa temporalmente. Hai algo moi bonito en todo iso. Para min foi unha experiencia moi enriquecedora.

Que diría que significou para Pontevedra a aparición de Novos Cinemas?
A Pontevedra faltáballe un festival como este. Non o digo por dicir. Non se trata de que todas as cidades teñan un festival de cine por capricho. Pero é que Novos Cinemas empataba moi ben coa personalidade de Pontevedra. Nese sentido estou feliz de que a cidade se fora facendo pouco a pouco co festival e de que foran pasando por aquí tantos cineastas, tantos creadores, tanta xente do mundo do cine, de tantos sitios distintos. Para Pontevedra é moi interesante manter e tratar de arroupar unha iniciativa como esta porque este festival de cine podería acabar por ser un símbolo da cidade.

Hai algo do que que estea especialmente orgulloso?
A ver, da programación en si estamos especialmente orgullosos. A nivel estatal conseguimos que a nosa proposta se fixese un oco e fose moi respectada. Conseguimos sacar adiante un festival único e singular. Pero eu tamén estou particularmente contento do traballo que fixemos, por exemplo, con toda a xente da Universidade de Vigo. Todos os anos arrancamos o festival coas pezas que facían os alumnos do obradoiro que realizabamos no Campus de Pontevedra. Faciámolo de xeito un tanto simbólico, case como unha declaración de principios do festival.

"Está claro que non son un cineasta que fai un tipo de película e a continuación outro completamente diferente"

Máis alá das complicacións que poida ter a edición deste ano, que retos enfronta o festival?
Eu creo que o gran reto é afianzarse. Imos pola quinta edición, pero é algo que está permanentemente exposto a unha chea de vaivéns políticos, institucionais, sociais... Mesmo a situacións como esta que estamos vivindo que o pode trastocar todo. O máis importante sería que Pontevedra integrase Novos Cinemas, que sinta de verdade que é seu, non de tres tipos que decidiron un día poñer películas. Porque así dará exactamente igual que eu estea ou non, que estean Dani ou Suso ou non, e seguirá adiante. O festival debe formar parte da cidade e estenderse por ela totalmente. Sen que isto signifique que teña que converterse nun gran festival, porque precisamente creo que unha das mellores cousas de Novos Cinemas é a súa dimensión, modesta, cercana.

Un dos sinais de identidade do festival é precisamente esa dimensión case íntima na relación co espectador.
Era un obxectivo claro que tiñamos aí e que é moi difícil conseguir nun festival grande polas propias características deses eventos. Aquí temos a cineastas, críticos, xurados e espectadores xuntos nas proxeccións e, ao rematar, tomando algo. Non marcamos separación entre uns e outros. É moi fermoso e emocionante poder compartir desa maneira o cinema. A iso aspirabamos.

Está traballando nalgún novo proxecto propio xa?
En realidade, nunca abandonei os meus proxectos. Agora mesmo estou traballando nalgo concreto, pero nunha fase moi prematura de escrita. O que si sigo é interesado nun tipo concreto de creación e narrativa particular. Está claro que non son un cineasta que fai un tipo de película e a continuación outro completamente diferente. Evidentemente hai unha evolución, pero penso que se percibe máis a nivel interno e sutil.

O festival
Trala decisión de Ángel Santos, serán os outros dous codirectores do festival, o programador vinculado á Universidade de Vigo Suso Novás e o produtor Daniel Froiz (Matriuska), os que se manteñan á fronte de Novos Cinemas. Nestes momentos ambos traballan, en colaboración co Concello, no deseño do que será a celebración da edición deste ano, prevista para o mes de decembro e marcada pola evolución que siga a alerta sanitaria xerada pola expansión do coronavirus. Así o deu a coñecer o Concello tras a xuntanza virtual que mantivo, a semana pasada, a concelleira de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, coa Coordinadora Galega de Festivais de Cinema Proxecta.

"A Pontevedra faltáballe Novos Cinemas"
Comentarios