A Deputación de Pontevedra anunciou este martes o nomeamento de Ángeles Tilve Jar como directora do Museo de Pontevedra en substitución de José Manuel Rey. A nova responsable da institución conta cunha traxectoria de 36 anos na mesma, ata agora como conservadora de fondos xerais e responsable da área de Coleccións.
"Quero felicitar a Ángeles Tilve por ser a primeira muller directora do Museo de Pontevedra", afirmou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez, quen tamén tivo palabras para "agradecer ao director saínte o seu traballo e profesionalidade" e recordarlle que "xa forma parte da historia do Museo de Pontevedra e ten as portas abertas para seguir colaborando nun futuro e no que precise".
O vicepresidente da Deputación asegura que o obxectivo é dar un novo rumbo ao Museo de Pontevedra e converter a cidade "nun referente cultural internacional". Segundo o comunicado da institución provincial, os retos de Tilve serán impulsar as coleccións propias e enriquecer a experiencia dos visitantes con novas estratexias e ferramentas dixitais, ademais de promover a participación do público. Tamén se pretende fomentar o intercambio con outras institucións culturais.
Ángeles Tilve Jar é licenciada en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte e especialista en Arte Moderna e Contemporánea, pola Universidade de Santiago. Conta cunha ampla traxectoria como investigadora e está especialmente recoñecida polos seus coñecementos sobre pintura galega e española dos séculos XIX e XX.