Antía Otero: "O galego sempre foi a miña lingua do corazón"

Antía Otero e Dores Tembrás, poetas e editoras fundadoras de Apiario, e a multipremiada escritora Ledicia Costas protagonizarán a sesión deste martes (20.00 horas) do ciclo En3vistas. Será no cruzamento de Daniel de la Sota e a rúa Peregrina, agás que as previsións meteorolóxicas obriguen a trasladala á igrexa de Santa Clara.
Antía Otero. DP
photo_camera Antía Otero. DP

Antía Otero (A Estrada, 1982) é actriz, poeta e editora, pois en 2014 fundou o selo Apiario xunto con Dores Tembrás.

Sempre utilizou a lingua galega na súa obra?
Sempre. O galego para min foi sempre a lingua familiar, do corazón e a lingua artística tamén. Non houbo ningunha dúbida.

E na súa vida cotiá utilízaa habitualmente?
Si, tanto na miña vida do cotiá como á hora de educar aos meus fillos.

Eles son galegofalantes?
Son, porque todo o seu contorno familiar o é. Pero si que é un traballo vulnerable, porque coa cantidade de estímulos exteriores é doado que empecen a falar castelán e pensen que o galego se reduce ao familiar. Quero que entendan que o galego ten toda a lexitimidade e fortaleza para camiñar polo mundo como unha lingua máis. O que non quita que queira que aprendan outras linguas.

Tras fundar Apiario dicía que a paisaxe editorial da poesía en galego estaba desértica. Cambiou a situación desde aquela?
Daquela non había tantas editoriais dedicadas unicamente á poesía e por iso seguimos adiante cun selo especializado. Afortunadamente desde entón ata hoxe si foron agromando outras novas editoriais, tanto de poesía como outras que dan acubillo a coleccións de poesía.

Que balance fai da traxectoria de Apiario?
Un balance moi feliz. Tiven a sorte de atopar a Dores, unha persoa coa que me sinto moi cómoda e moi feliz traballando, facendo un pouco o que queremos, aínda que somos conscientes de que é unha editorial moi pequeniña e non podemos sacar máis de dous ou tres títulos ao ano. Fomos medrando pouco a pouco, de xeito seguro.

A literatura infantil é fundamental para a construción dunha lingua

Tamén é autora dun libro infantil, O branco non pinta! Que papel xoga a literatura na transmisión do galego entre as crianzas?
A importancia que ten é central. De aí que esteamos pedindo máis apoio para a literatura e a creación en galego, porque sabemos da importancia que ten. Basta con ir a centros de ensino ou rodearte de crianzas para saber o impacto dunha boa historia, como quedan fixadas as palabras, como se vai construindo un imaxinario... É fundamental para a construción e a evolución dunha lingua. Quen non o queira ver así ten un grave problema, porque realmente é central, estratéxico o mundo da literatura infantil e xuvenil, pero non só. A literatura é fundamental na evolución dunha lingua.

Falamos de LIX e van compartir a conversa hoxe con Ledicia Costas, un referente neste eido. Que significa para vostedes esta autora?
É unha autora moi próxima por todo o traballo que leva desenvolvido. O éxito da súa obra, o pouso que deixa nas lectoras e lectores, todo o que leva sementando e o que está recollendo. Ledicia é un faro dentro da cultura e galega e non podemos máis que congratularnos de poder estar con ela, desfrutar da conversa intelixente que ela ten e da súa mirada, sempre aguda.

Comentarios