Antía Yáñez: "Na novela falo do TOC sen dramatizar nin caricaturizar"

A escritora de Burela desmonta a vida perfecta da protagonista na súa última obra, Non penses nun elefante rosa, cunha protagonista que disfruta do sexo e da literatura romántica
Antía Yáñez. ARQUIVO
photo_camera Antía Yáñez. ARQUIVO

Aurora amosa unha vida perfecta reconstruíndo os cachos da súa vida real. A protagonista de Non penses nun elefante rosa (Xerais), a nova entrega literaria de Antía Yáñez (Burela, 1991), contrasta a realidade co que se aparenta.

A personaxe é unha rapaza que semella independente, empregada, suficiente, amiga ideal, lectora de novelas rosas e practicante dunha sexualidade na que toma as decisións. Cando apaga o móbil revélase que foi abandonada pola súa parella, e que escapa da familia e os amigos para evitarse dar explicacións sobre os seus fracasos.

Un día coñece a Brais, un neno de dez anos que lle require tanta atención para afastarse dunha familia desestruturada que Aurora deixa de xirar sobre si mesma para que o seu centro de gravidade empece a xirar arredor do cativo.

A función do neno que coñece é "dicirlle a Aurora o que ela non quere dicirse. Brais fai preguntas incómodas que non facemos os adultos. Serve para que ela fale do que evita".

"As redes amosan o perfecto. Ponme do fígado", pero a autora escapa da intención moral. "Cando escribo non penso en reivindicar, en mandar unha mensaxe. Na novela para rapaces Plan de rescate falo de rapaces con discapacidade. Pretendo que os nenos se divirtan e, se ademáis coñecen o problema da discapacidade, mellor".

Aurora engade aos seus dramas un transtorno obsesivo compulsivo (TOC). "É moi canso. Romantízase. Dise que non é grave, que todos temos manías. Se non tes ansiedade é que non tes TOC. Quería amosar iso sen caer no drama nin caricaturizar", indica Antía Yáñez, quen pensa que "para Aurora o humor é un método de defensa. O grave non o toma en serio, toma en serio o menos importante".

A construción desa personaxe valeulle á escritora como remedio

A construción desa personaxe valeulle á escritora como remedio. "Cando sinto ansiedade axúdame transmitilo coa palabra. Imaxinar a Aurora reaccionando dun xeito distinto ao meu. Gustaríame facer teatro, pero non teño tempo. Pásoo ben imaxinando personalidades e os xeitos  diferentes nos que reaccionarían".

"Os psicólogos recomendan que cando teñas un ataque de ansiedade escribas sobre o que che pasa, pero eu non escribo da realidade. Axúdame ver a Aurora para relativizar a ansiedade e saír do bucle de pensamento".

A protagonista de Non penses nun elefante ten os seus recursos. "Usa o sexo como escape para rachar con esa idea de que as feministas temos que seguir determinados comportamentos. As novelas eróticas descubrinas no caixón dunha tía miña e cando era rapaza encantábanme. Son machistas. Ás veces, cólloas e léoas. As feministas non temos que ser coherentes en todo". O motivo de que lle gusten esas novelas é que ela "é imperfecta". "Permítenlle relaxarse e deixar de intentar ser prefecta sempre. Se ela ve que alguén ao seu redor fai unha cousa ela tamén ten que facela".

Comentarios