sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

O grupo musical Antilia pide a palabra

José Churruca e María Costas, compositor e voz de Antilia, hai uns días, en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
José Churruca e María Costas, compositor e voz de Antilia, hai uns días, en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
O grupo de María Costas e José Churruca publica o seu segundo disco, 'U-las palabras', que presentará en directo en decembro no Museo de Pontevedra e que conta cunha portada de Leandro Lamas

O videoclip de Voucho contar así acaba de estrearse en Youtube. É o tema que se adianta do disco U-las palabras, o segundo traballo do grupo pontevedrés Antilia, formado polo compositor e guitarrista José Churruca e pola cantante e actriz María Costas (Dhogs, La isla de las mentiras), aos que se incorprou tamén a baixista Mery García practicamente de xeito permanente, segundo din.

A intención do dúo, que publicou o seu primeiro álbum, producido por Javier Abreu, en 2015, é a de presentar en directo este feixe de novas cancións en decembro, no Museo de Pontevedra, da man do Ateneo da cidade.

"Dous anos despois da saída do primeiro disco, xa tiñamos letras suficientes para sacar outro. Pero como todo é dificilísimo valo pospoñendo e pospoñendo... e ata agora". Iso que publican agora, cunha portada do pintor Leandro Lamas, é unha recompilación de cancións dos últimos anos máis unha xurdida do confinamento. "Habería moitísimas máis, que darían para varios discos, pero xuntamos estas oito que nos parecen máis significativas e nos gustan máis".

Entre o traballo de 2015 e este, Churruca e Costas recoñecen que se aprezan cambios. "Este é un pouco máis rockeiro. Hai temas que manteñen ese fondo folk e jazz que tiñamos, pero hai moita máis forza. Supón dalgunha maneira unha certa ruptura co anterior, un pequeno cambio".

Máis rock. O compositor explica que este pouso roqueiro estivo en realidade sempre presente en Antilia e que se notaba, sobre todo, nos directos. "Nós, dende sempre, funcionamos con dous formatos. Cando hai diñeiro levamos un formato banda, que en realidade é como foi concibido o proxecto e o que nos gusta, e cando non o hai imos María e eu. Pero mesmo cando estamos só os dous, no directo percíbese esa forza. Ese matiz rockeiro, que no primeiro disco quedou máis diluido, neste segundo xa non o disimulamos nada".

Con esa influencia do rock na súa música teñen moito que ver as súas referencias musicais. Churruca di que se criou escoitando rock. A vocalista igual. "Iso, ao final, por algún lado ten que saír. É o arquivo musical que levamos nas cabezas: Deep Purple, Pink Floyd... E Joni Mitchell, á que cito moitísimo porque formou parte dunha serie de músicas que eu papei probablemente antes de tempo".

Sentimentos, amor, relacións de parella e a comunicación entre as persoas son algúns dos temas sobre os que José Churruca escribe cando se pon a compoñer. Neste caso, el foi o que se ocupou tamén de gravar o disco no estudio que teñen na súa casa.

"O confinamento ao principio levouse moi ben porque de repente tiñamos tempo. El, por exemplo, para compoñer, para producir e para gravar. Pero despois chegou esta sensación de impotencia que conleva ter todo ese material e non ter onde mostralo", di María Costas.

"Para unha banda coma nós, sen selo discográfico, que ten que facelo todo por si mesma, é moi difícil tocar. Faise todo costa arriba, atopas sempre un monte de dificultades. E xa non hai moitos locais. O confinamento supuxo a "puntilla" para moitos. Auditorios que antes acollían concertos, agora programan teatro, monólogos, maxia, pero non música. Bandas hai, cada vez máis, e locais cada vez menos. Sentes que está todo desmantelado e que falta moito para dignificar esta profesión".

Pese a todo, Antilia resiste. "Resistimos porque isto é algo que non se fai por cartos, senón porque nos gusta moitísimo, porque o gozamos por enriba de todo".

Un youtuber con 54.000 subscritores 
Músico, produtor e profesor de guitarra, José Churruca (José Manuel Pérez Hermida no DNI) é ademais youtuber. "Levo 15 millóns de reproducións", di. "E teño unhas 30.000 visualizacións diarias".

A súa canle ten 54.000 subscritores. "O que fago é covers [versións] de cancións das que eu considero míticas da guitarra, e métolle a partitura abaixo, para que a xente aprenda a tocala", explica. "É unha especie de titorial, pero moi conciso". A canle funciona tan ben que Churruca está dándolle voltas a abrir outra

O grupo musical Antilia pide a palabra
Comentarios
ç