Antón Castro: "Picasso é un pozo con moito fondo por explorar"

Está detrás da exposición de Cristóbal Gabarrón no Museo de Pontevedra. Tamén da exposición sobre a etapa galega de Pablo Picasso, que se pode visitar no Museo de Belas Artes da Coruña  Prepara un libro sobre Federico García Lorca en Santiago de Compostela. Antón Castro non para.
O crítico e comisario Antón Castro entre as pezas de Cristóbal Gabarrón no Museo de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera O crítico e comisario Antón Castro entre as pezas de Cristóbal Gabarrón no Museo de Pontevedra. DAVID FREIRE

Comisario de máis de 150 exposicións en distintas partes do mundo, Antón Castro (Muxía, A Coruña, 1953) suma este ano dúas máis á súa nómina: a do Gabarrón atlántico en Pontevedra e a do Picasso galego na Coruña. Catedrático de Arte Actual na facultade de Belas Artes de Pontevedra (cidade que leva sendo o seu "cuartel xeral dende 1976"); director do Instituto Cervantes en Milán (entre 2004 e 2008) e do Instituto del Patrimonio Cultural de España (entre 2008 e 2010); autor de arredor de 800 artigos e de 50 libros, na actualidade é un dos comisarios da Celebración Picasso 1973-2023, conmemoración promovida conxuntamente polos gobernos español e francés.

De quen foi a idea desta exposición sobre o Gabarrón atlántico? Do artista ou súa?
Foi unha idea compartida. O de incluír no título Ronsel de saudade si que foi miña, pero imos compartilo tamén porque, ao final, as mellores ideas son esas que se comparten. Eu agasallei a Gabarrón cun volume de De catro a catro, de Manuel Antonio, e de aí saíu ese ronsel. Cristóbal Gabarrón leva 25 anos vivindo en Galicia durante longas temporadas. Pero o seu Atlántico non é só o de Bueu, onde ten o seu estudio fronte á praia da Robaleira, senón tamén o de Nova York, onde pasa o resto do ano. Pero é que ademais naceu en Mula (Murcia), na cultura mediterránea, e educouse en Valladolid, na cultura castelá. É dicir, estamos ante unha personalidade multicultural. E el mesmo asúmeo como tal. É un nómada que recolle no seu traballo as vivencias das xeografías que percorreu e faino de forma explícita.

Pero aquí hai unhas pezas indiscutiblemente marcadas por Galicia.
É evidente que ao longo dos últimos 25 anos realiza unha obra incidida polo que é Galicia, tanto etnograficamente como antropoloxicamente e incluso polo clima e pola luz. Aí están os propios materiais que utiliza, o granito, a area ou os cantos rolados. Se fai praias e bateas, é moi connotativo desa influencia galega. Por iso tiña ganas de mostrar a especificidade dunha obra moi influída pola nova xeografía que el habitaba. Esta foi a oportunidade. Aínda que isto tampouco quere dicir que aquí haxa un Gabarrón diferente.

Gabarrón é un neohumanista. Pon no centro ao ser humano. A dimensión social e poética da súa obra é moi grande

Non se pode dicir que Bueu redefinira a súa obra? 
Conceptualmente e dende o punto de vista do que é o estilo, hai que referirse a todo o seu traballo en conxunto. El é un neohumanista. Pon no centro ao individuo. Traballa cos afectos e todo o que devén do ser humano. E tamén ten un traballo moi vinculado á natureza, algo que é para el moi importante, e cunha dimensión social moi grande. Refírome, por exemplo, ao que está sucedendo coas migracións. 

Insistiuse moito, na mesma inauguración da exposición do Museo, na dimensión ética da obra de Gabarrón. 
É fundamental facer esa lectura. Igual que tamén hai que destacar sempre a dimensión poética da súa obra. Neste punto é onde se pode conectar co poeta do mar que é Manuel Antonio, un auténtico outsider, e co libro por antonomasia do vangardismo literario galego, De catro a catro. Por iso tiramos do seu poema número catro, que fala de ronsel e de saudades, para titular a mostra de Pontevedra. En definitiva, que pretendiamos con esta exposición? Facer, con arredor dun cento de pezas, unha soa obra, establecendo unha relación visual e conceptual entre todas elas e dotando a todo conxunto dunha dimensión poética.

Na Coruña, Picasso adquire unha primeira conciencia crítica e aprende, entre outras cousas, que hai unha relación visceral entre a arte e a vida

É vostede un dos tres comisarios dunha mostra na Coruña sobre o primeiro Picasso, que está chamada a ser unha das exposicións do ano en Galicia.
En Galicia e en España. É a única exposición de tese, que nós saibamos, que se fai en España neste contexto da Celebración Picasso 1973-2023, a conmemoración do 50º aniversario da morte de Picasso, que organizan os gobernos de España e Francia. Picasso branco no recordo azul nace a partir dun poema del de 1935 no que fala de area, ceo, estrelas, chuvia, branco, azul... Palabras que nos remiten á Galicia que el coñeceu. A tese que nós presentamos trata de responder á pregunta de que queda do Picasso que viviu na Coruña entre 1891 e 1895 no resto do Picasso, que viviu case 92 anos. E quedan moitísimas cousas.

Esta afirmación pode sorprender a moita xente.
Pero é algo que non digo só eu, senón unha grande cantidade de expertos. A que máis o defendeu, probablemente, foi a ex directora do Museo Picasso de París, Anne Baldassari. Foi a ela a que me formulou xa en 2007 que non se podería entender ben a Picasso ata que se fixese unha exposición da etapa coruñesa. E tiña razón. Picasso aprende na Coruña todos os resortes tanto técnicos como conceptuais que logo usaría. Entre outras cousas, na Coruña vive unha dobre formación, que vai ser vital no resto da súa vida: a académica, na Escola de Belas Artes, e a da rúa, grazas a un profesor excepcional, Isidoro Brocos. Esa dobre metodoloxía contribúe á consolidación do xenio. Aquí tamén constrúe o seu primeiro compromiso e a súa primeira conciencia crítica, ao carón dun tipo maxistral como foi [Ramón] Pérez Costales, ministro republicano. Todo isto se conforma aquí, xunto a unha idea de transcendencia do que é a vida á arte. En Galicia aprende que hai unha relación visceral entre a arte e a vida. 

No libro para Teófilo Edicións reinterpreto as localizacións das tres viaxes que Lorca realizou a Santiago a partir das cores e da poética de Seis poemas galegos, Romancero gitano e Poeta en Nueva York

Máis de 2.000 persoas visitaron esa exposición en tres días. Dá conta do enorme interese que o público segue tendo por este creador.
Picasso é un pozo con moito fondo por explorar. Pero é que esta exposición é ademais unha das máis importantes de todas as que se van celebrar nesta conmemoración en Europa. É unha exposición, pero é tamén un gran traballo de investigación para o que contamos coa colaboración de dez expertos mundiais. A nosa tese está avalada por eles.

A maiores de realizar o comisariado destas dúas exposicións, está a punto de publicar un libro sobre Lorca.  
MáxicaLorca Compostela, que sacará á rúa Teófilo Edicións en galego, en castelan e en inglés. Nel reinterpreto as localizacións das tres viaxes que Lorca realizou a Santiago ou, se queres, reconstrúo os seus itinerarios, a partir das cores e da poética de Seis poemas galegos, Romancero gitano e Poeta en Nueva York. Eu mesmo fixen as fotos dos lugares que visitou e retoqueinas para este volume.Despois haberá unha exposición.

Proxectos: de Picasso a Lorca
Antón Castro é agora mesmo comisario de dúas exposicións abertas ao público: Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade, ata o 14 de maio no Museo de Pontevedra, e Picasso branco no recordo azul (xunto a Malén Gual e Rubén Ventureira, coa coordinación xeral de Ángeles Penas), ata o 25 de xuño no museo de Belas Artes da Coruña. A maiores, Castro publicará este mesmo ano o volume MáxicaLorca Compostela con Teófilo Edicións.

Comentarios