Viernes. 14.12.2018 |
El tiempo
Viernes. 14.12.2018
El tiempo

Antón Fraguas será a figura das Letras Galegas homenaxeada en 2019

Antón Fraguas. RAG
Antón Fraguas. RAG

Esta candidatura impúxose á de Ricardo Carballo Calero, que chegaba á final por sétima vez

O historiador e xeógrafo Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 - Santiago de Compostela, 1999) foi finalmente a personalidade literaria elixida pola Real Academia Galega (RAG) para protagonizar o Día das Letras Galegas de 2019. 

Así o anunciou o presidente desta institución, Víctor F. Freixanes, nunha rolda de prensa celebrada após a votación realizada este sábado polos membros do pleno da institución. 

Con 16 votos a favor, a candidatura de Antón Fraguas se impuxo sobre a do escritor Ricardo Carvalho Calero, que acumulou oito apoios. Segundo o presidente da RAG, a decisión foi froito dun "debate vivo e apaixonante" entre os defensores de "dúas grandes figuras". 

Sobre a candidatura do escritor ferrolán, que era a sétima vez que figuraba entre os finalistas para ser o homenaxeado do 17 de maio, Freixanes expresou que a RAG é "consciente" da "importancia" de Carvalho Calero. "Haberá un momento no que sairá (elixido)", asegurou. 

Finalmente, Antón Fraguas será o homenaxeado, con quen a institución reivindica "a memoria, a cultura e a lingua do pobo", posto que, en palabras de Freixanes, foi "unha das persoas que máis tempo dedicou a recoller, sistematizar e coñecer esta riqueza".

"REFERENTE" DO GALEGUISMO. O académico que encabezou a candidatura gañadora, Francisco Díaz-Ferros, erixiu ao historiador e xeógrafo como unha "figura do galeguismo", referente "xa non só polo seu talante ético de defensa permanente do galego, senón pola súa capacidade de transmitir estes sentimentos a todo o mundo". 

Ademais, destacou os máis de 300 libros e traballos que desenvolveu Antón Fraguas, unha "obra importante e de densidade" na que mostrou un galego "tan particular, tan auténtico, tan sinxelo e tan cariñoso" que "non houbo ninguén, quizais, que o fixese desa forma tan persoal e directa", expresou. 

E é que Antón Fraguas, segundo o académico, recuperou "a voz do pobo": "Chegou no momento preciso para recoller os alicerces da nosa cultura, o noso mundo, o mundo campesiño que xa estaba a desaparecer".

BIOGRAFÍA. Antón Fraguas Fraguas dedicou a súa vida ao estudo da cultura e do territorio galego en diferentes ámbitos, con especial atención e mestría á antropoloxía. Ademais, cos seus traballos contribuíu a defender o idioma propio como lingua de expresión para calquera coñecemento, segundo expresa a RAG. 

Foi historiador, profesor e director e presidente do Museo do Pobo Galego, así como un dos fundadores da Sociedade de Lingua e membro das Irmandades dá Fala e do Seminario de Estudos Galegos, no que inaugurou, baixo a dirección de Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica. 

Entrou en contacto co galeguismo de mozo, cando estudou Bacharelato en Pontevedra, onde comezou a ter interese pola cultura galega grazas a docentes como Antón Losada Diéguez, Castelao e Ramón Sobrino Buhigas no Instituto Xeral Técnico. 

Durante a súa mocidade publicou na revista Nós e no xornal galeguista A Nosa Terra, e deixou biografías de personaxes ilustres como Manuel Murguía e Castelao, ademais da que foi a súa tese de doutoramento: sobre o Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela. 

Foi profesor auxiliar de Xeografía e Historia na USC e en 1933 conseguiu a cátedra no instituto da Estrada, que lle foi arrebatada ao comezar a Guerra Civil, motivo polo cal tivo que dedicarse á educación privada nunha academia propia, a de Menéndez Pelayo, aberta en 1938 na rúa Algalia de Abaixo na capital galega. 

A partir de 1942, unha vez revisado o seu expediente de depuración, compatibilizou a dirección desta escola coa docencia na Facultade de Xeografía e Letras da USC, ata que en 1950 volveu gañar a cátedra da que fora suspendido, coa que foi docente no Instituto Masculino de Lugo e no Feminino Rosalía de Castro de Santiago, onde exerceu até a súa xubilación forzosa en 1975. 

Compaxinou o ensino coa investigación, en contacto con órganos como o Instituto Pai Sarmiento e a RAG, na que ingresou en 1956 no sitio que deixou Castelao. Recibiu, entre outros galardóns, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia. 

Escribiu sobre xeografía e arqueoloxía, pero no campo no que máis destacou foi na cultura espiritual campesiña. As festas e romarías populares, as cantigas, as crenzas e os costumes aparecen nos seus ensaios. Tal e como afirmou o profesor de Historia Eiras Roel, "non son amenos relatos, senón unha manifestación temperá e adiantada para Galicia do que hoxe se chama historia das mentalidades". 

Antón Fraguas será a figura das Letras Galegas homenaxeada en 2019
Comentarios