Antón Reixa: "Co paso dos anos hai unha xustiza poética que nos dá a razón"

Algo que levar á boca é o título do espectáculo co que os tres integrantes do mítico Rompente, Grupo de Comunicación Poética, volve ós escenarios galegos. Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel Romón inician este xoves en Pontevedra (Teatro Principal, 21 horas) unha xira que os levará a recitar a tres voces os poemas de Que hostia din os rumorosos por Galicia adiante.
Santiago, 20.10.21.- Rolda de prensa de Rompente no Museo Gaias.
photo_camera Os integrantes de Rompente inician a súa xira hoxe en Pontevedra. PUNTO GA COMUNICACIÓN - AGOSTIÑO IGLESIAS

Algo que levar á boca é o espectáculo co que Rompente volve ós escenarios galegos e inicia en Pontevedra a súa xira. Ese algo é poesía, pero tamén é música e unha proposta audiovisual de vangarda. 
Estaremos presentes os tres membros de Rompente. Recitaremos fundamentalmente material inédito, recollido polo grupo nun libro editado recentemente pola Editorial Elvira, Que hostia din os rumorosos?. O espectáculo terá as características habituais de sempre de Rompente, de levar a poesía ao escenario, utilizar imaxes, sons especiais e, sobre todo, a nosa polifonía de tres voces recitando ritmicamente. Esas son as compoñentes históricas e que aparecen agora outra vez no regreso de Rompente. 

Como xurdiu esta idea do regreso de Rompente e por que agora? 
A idea de regresar ten que ver fundamentalmente con que un de nós, Alberto Avendaño, durante os últimos trinta anos estivo traballando e vivindo en Estados Unidos. Esa é a razón pola que non nos reencontramos antes. Agora que por fin estamos nun momento que nos permite dedicarlle tempo a Rompente, volvemos con todo este material novo que forma parte do libro Que hostia din os rumorosos?. É un libro ben gordo. E nós estamos moi preparados. Estes tres meses fixemos algún recital máis breve de presentación, pero sobre todo foi un gran traballo de mesa entre os tres para vincular a escena á imaxe audiovisual e o son. 

Non renegamos da xente que nos coñece antes, pero non che digo a alegría que nos pode dar ver xente nova no público

Como é Rompente corenta anos despois? Que ten que ver co dos anos oitenta? 
Nós deixamos Rompente no ano 83. Naquel momento a escena literaria galega era para nós moi aburrida e moi aborrecible. Nós estabamos considerados dentro dun certo malditismo. Daquela estaba de moda un lirismo veneciano e nós somos uns discípulos aplicados e recalcitrantes das vellas vangardas históricas. O noso non cabía ben. Esa foi a razón pola que ao final decidimos facer moitas cousas fóra da poesía. Agora, corenta anos despois, sentímonos reconfortados porque hai máis e mellor poesía en Galicia e, sobre todo, porque é unha poesía que podemos consumir, que consideramos máis cerca dos nosos planteamentos, con recitais de carácter performance que fan agora moitos e moitas poetas en Galicia. Digamos que co paso dos anos hai como unha xustiza poética que nos dá a razón. Espero que nós tiveramos envellecido ben. Non temos ningunha nostalxia do pasado, non cremos que os máis novos sexan peores, senón todo o contrario. Estamos sempre na mesma liña de poesía moi próxima ao espectáculo. ‘Que hostia din os rumorosos’ recolle a tradición literaria de Rompente. Está profusamente ilustrada e deseñada por Menchu Lamas e Antón Patiño. Leva un prólogo que non é casual de Julián Hernández de Siniestro Total. Estamos nunha mesma liña de traballo, seguimos mantendo interese polas vangardas históricas. Queremos manexarnos sempre nun rexistro de sátira que fai especialmente levadeiros os nosos recitais. Ti pensa que daquela era case como vergonzante ir a un espectáculo poético, dicían que non tiñan valor literario, que os textos escritos non tiñan valor literario. Eses prexuízos superáronse e podemos volver. Ademais, hai certo cambio. É curioso porque ademais da vontade nosa por volver, esta minixira que imos facer por oito vilas e cidades galegas é algo que nos propón a propia Consellería de Cultura, non parte de nós. 

A cultura é a riqueza dun país. Ten que ver moito coa estima e coa intelixencia emocional colectiva

Que agardan do espectáculo? Quen esperan que estea no público: os novos de hai corenta anos, os de agora...? 
Desde logo non renegamos da xente que nos poida coñecer de antes. Mesmo esta mañá (por onte) camiñaba por Santiago e alguén me saudou e eu pensaba que era algún amigo que non coñecía pola máscara, pero dixo: "Son seguidor teu de moitos anos". Ese público faiche sentir orgulloso. Pero, non che digo a alegría que nos pode dar ver xente nova no noso espectáculo. Esa pregunta case ma deberías facer cando acabe. A verdade é que de momento a experiencia é bastante miscelánea e promiscua. Pensa que os libros de texto e literatura en galego recollen que nós existimos. É curioso. Faime graza que á miña filla pequena tocoulle na selectividade o tema de Rompente. Iso tamén contribúe á presenza de Galicia que vai construíndo unha memoria colectiva que é máis transversal. O libro xa está na súa segunda edición. En Galicia e en calquera lugar do mundo fan edicións moi limitadas de poesía, e nós agardamos que antes de primavera saia a edición en castelán. 

Se eu lle pregunto que hostia din os rumorosos, que contestaría? 
Que somos un país de preguntas máis que de dogmas. Chámame a atención que non hai moitos himnos que comenzan por preguntas e o noso si. Penso que en contra dese tópico que nos atribúe a dúbida e o depende, que o noso himno empece por unha pregunta é indicativo de sabedoría.

Hai tanta calidade que a propia industria cultural galega non dá recollido todo

Como ve o panorama cultural actual alguén que sempre estivo á vangarda da música, da poesía e do audiovisual? 
Hai un talento inusitado. Hai tanta calidade e tanta xente facendo cousas novas que incluso a propia industria cultural galega non dá asumido e recollido todo iso. Como moitos outros, non diría que somos un país pequeno senón un país a escala humana. Vai ser importante canto maior sexa o proceso de internacionalización. Podemos facer o símil industrial: Pescanova ou Zara, se só producisen para a poboación de Galicia, serían empresas moi pequenas. A outra escala está habendo unha produción de moita calidade e moita xente. Nos anos oitenta, sobre todo na música, beneficiámonos de que había unha atención mediática sobre todos nós moi grande e incluso esaxerada. Era a novidade de que a poucos anos da morte de Franco, de repente, nun territorio tan lonxe de todos os sitios como na Fisterra houbese tal modernidade. Agora, se cadra, non hai tanta atención mediática, pero a calidade é mellor. Falo do que coñezo. Falo de cinematografía, de música e literatura, tanto de poesía como narrativa. Polo tanto, eu creo que son situacións naS que esa confluencia do público e do privado é importante. Para Rompente é tan importante o esforzo dunha editorial privada pequena como é como do eido público. Se iso fose extensible a todos os artistas novos... A cultura é a riqueza dun país. Ten que ver moito coa estima e coa intelixencia emocional colectiva. Penso que aínda queda moito por facer, pero o punto de partida é moi bo.

Comentarios