Antón Reixa: "Non teño nostalxia: eu son un militante do presente"

Grupo fundamental da escena galega, Os Resentidos fixeron cantar a toda España en galego moito antes que as Tanxugueiras. "O que pasou con elas é marabilloso. Cando nós empezabamos sería inimaxinable", di Reixa. A banda festexará 40 anos de existencia o venres 25 de marzo en Pontevedra.
Antón Reixa rodeado pola actual formación de Os Resentidos. ANTONIO SEGADE
photo_camera Antón Reixa rodeado pola actual formación de Os Resentidos. ANTONIO SEGADE

Nin a música, nin a poesía, nin o audiovisual galego serían hoxe o que son se non existira Antón Reixa (Vigo, 1957). Autor de cancións como Galicia caníbal; membro do colectivo Rompente; responsable da serie de televisión Mareas vivas (1998-2003), e director da adaptación ao cine da novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro (2003), entre outras cousas, Reixa recibiu o ano pasado a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes. Despois de recuperar, o ano pasado, Os Resentidos (inactivos dende 1994) e publicar con eles o disco Organización Nautilus, esta primavera embarcouse coa banda (da que só quedan como fundadores Javier Soto e el) nunha mini xira de celebración dos seus 40 anos de existencia. O venres 25 de marzo actúan na sala Karma.

Non se cumpren 40 anos todos os días.
Eu estou nunha idade na que xa todo pasou hai 40 anos. Hai nada todo pasara había 30, agora todo pasou hai 40. Espero que non se note moito enriba do escenario.

Como vai ser ese concerto de Pontevedra? Un concerto para nostálxicos?
Tocaremos efectivamente unha parte importante do repertorio histórico dos Resentidos e iso dá pé á nostalxia. Pero é evidente que non poden faltar Galicia caníbal, Sitio distinto ou Cumbia china. Pero tamén tocamos case todas as cancións do disco novo. Precisamente iso é o que está sendo o mellor da experiencia desta volta aos escenarios: o ben que se conxuga o vello repertorio dos Resentidos coas novas cancións.

Estou en plena celebración da recuperación total. Deixei o bastón hai un mes. Case se pode dicir que estou estreando un corpo novo.

Dicíame que esperaba que non se notara moito enriba do escenario a diferenza entre o que foron e o que son. Pero 40 anos son moitos anos.
Xa. Referíame máis ben a outras cousas. Hai cinco anos tiven un accidente moi complicado e agora estou en plena celebración da recuperación total. Deixei o bastón hai un mes. Case se pode dicir que estou estreando un corpo novo. 

O cantante e escritor Antón Reixa. ANTONIO SEGADE
O cantante e escritor Antón Reixa. ANTONIO SEGADE

Recibiu o ano pasado a Medalla de Ouro das Belas Artes. 
Alguén se debeu confundir aí. Déronma ademais o Día dos Inocentes! Asegúroche que o desconcerto foi real. Ata as dez da noite, que me chamou o ministro Iceta, pensaba que era unha broma. Logo o que te sintes é sorprendido e tamén moi agradecido. Porque son premios á traxectoria e aos que non te presentas. Non contas con eles e simplemente son unha alegría. E, para min, a maior alegría foi precisamente compartilo. Porque recibín moitísimas chamadas da xente que me quere ben e foi unha especie de baremo de que teño moi boa xente pendente do que me pasa e de que se alegra por min. E non quero ser mimoso...

Podemos reivindicar que fomos a primeira xeración de galegos sen complexos. Eramos punkis. Faciamos as cousas mal e daba igual, porque daquela o importante era facelas.

Calquera tempo pasado foi mellor?
Para nada. Eu non teño nostalxia: son un militante do presente. Manteño unha confianza absoluta na xente nova. Vale, estamos celebrando 40 anos de historia dos Resentidos. Pero hai 40 anos eramos o único grupo de música en galego que había e hoxe hai unha chea delas. O que está pasando coas Tanxugueiras, por exemplo, é marabilloso, pero hai 40 anos sería inimaxinable. Cando pasan cousas como esta sinto que a historia nos dá a razón. Pásame coa música e tamén coa poesía. Porque cando empecei a escribir poesía, pola miña conta e con Rompente, estabamos rodeados dun certo malditismo. E, sen embargo, mira que conexión hai agora cos poetas actuais. Sería como morrer antes de tempo ter un pensamento morriñento ou nostálxico do pasado. Agora hai máis e mellor música da que nós faciamos. Eramos punkis e aquela cultura punk era moi rebelde, si, pero técnica cero e ningún virtuosismo. Faciamos as cousas mal, e sen ningún tipo de complexos, porque daquela o importante era facelas. Con todo, penso que podemos reivindicar o que fixemos porque, por unha casualidade histórica, ideolóxica ou o que fora, fomos a primeira xeración de galegos sen complexos.

Era o que lle ía dicir: algo lles deberá esta xeración actual.
Debémoslle case máis nós a eles! Porque seguimos aprendendo e séguennos validando. Nos anos 80 as olladas voltáronse cara Galicia porque ninguén podía pensar que nun lugar tan pequeno e tan remoto pasaran tantas cousas tan modernas. Agora constátase que o talento da xente está por enriba do propio sistema cultural e vai por diante da iniciativa tanto privada como pública. Todo o bo que facemos aquí, que é tantísimo, debe ser un motivo de autoestima e de internacionalización.

Ás veces sínteste ata un profeta fatal, porque hai temas de hai 30 ou 40 anos como 'Sector naval' ou 'Economía sumerxida' que preferiría que tiveran pasado de moda, pero que encaixan perfectamente co que pasa hoxe.

Volta de Os Resentidos. Volta de Rompente. Vive vostede unha segunda xuventude.
En realidade, aquel accidente tan grave do que che falaba tivo unha secuela moi importante na miña vida: obrigoume a pechar a miña empresa audiovisual. Así que perdín esa faceta de empresario e de emprendedor cultural, na que durante anos me escudei para non escribir. Moitas veces penso que todo o que fixen empresarialmente era case unha coartada para non enfrontarme á vertixe que dá a condición de artista, a iso que se chama a páxina en branco. Desaparecido iso, vivo ao cento por cento do traballo creativo. Así que estou sendo non sei se prolífico, insistente ou prosma. Parece que estou tratando de facer todo o que non puiden facer antes.

E cando hoxe volve cantar Galicia caníbal ou Sitio distinto sínteas igual que hai 40 anos? Ou para vostede son hoxe temas diferentes?
Mira, eu vivo nunha permanente contradición: son un rabudo recalcitrante que sempre vai á contra, pero, ao tempo, síntome moi a gusto co traballo artístico que fun facendo. Canto moi feliz Galicia caníbal porque esa canción cambiou a miña vida. Se non tivese composto Galicia caníbal nin feito Mareas vivas para a Televisión de Galicia non sería nin a metade do que son. Pero é que ademais o noso repertorio non perdeu actualidade. Ás veces sínteste ata un profeta fatal, porque hai temas de hai 30 ou 40 anos como Sector naval ou Economía sumerxida que preferiría que tiveran pasado de moda, pero que encaixan perfectamente co que pasa hoxe.


O CONCERTO
Os Resentidos celebran os seus 40 anos de existencia cunha xira que os traerá á sala Karma de Pontevedra o venres 25 de marzo (21.30 horas). As entradas están á venda en ataquilla.com. Prezo: 11 euros. Na porta do local custarán 15 euros. A xira de 40º aniversario comezou no club Garufa da Coruña a primeira fin de semana de marzo. Esta da sala Karma é a segunda data desa serie de concertos que tamén inclúe unha parada en Santiago de Compostela, o 10 de abril, na sala Capitol. 

Comentarios