Anxo Cabada retrata as sombras atlánticas

O Museo de Pontevedra expón, ata o 15 de xaneiro, as fotos que o estradense lle fixo a 34 artistas galegos
Anxo Cabada comenta a súa mostra en presenza de José Manuel Rey no Museo de Pontevedra. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Anxo Cabada comenta a súa mostra en presenza de José Manuel Rey no Museo de Pontevedra. BEATRIZ CÍSCAR

Jorge Castillo, Francisco Leiro, Ánxel Huete, Manuel Ruibal ou Almudena Fernández Fariña son algúns dos 34 artistas galegos que o estradense Anxo Cabada fotografou nos seus estudios, ao longo dos últimos catro anos, para a serie Sombras atlánticas. Retratos da arte galega. O conxunto de imaxes que conseguiu pode contemplarse dende onte e ata o 15 de xaneiro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

"Teño que darlle as grazas aos creadores que me deixaron entrar nos seus obradoiros", dixo Cabada na inauguración da exposición, ao tempo que lembraba como este proxecto se encaixa nun máis amplo de retratos galegos, que comezou a comezos de 2000 "cos rostros do mar". Despois viñeron os da xente da terra e os da literatura. Para finalmente chegar aos artistas. "Poder ir polos seus talleres foi unha viaxe alucinante, un privilexio", contou, mentres confesaba cal era a súa idea do retrato. "A miña teima segue sendo facer do retrato unha aposta moi íntima. Retratar é conseguir emocións, facer de cada encontro un momento intenso e singular".

Silverio Rivas, que protagonizará a próxima exposición do Museo, é un dos retratados, xunto a Jorge Castillo ou Leiro

"Nesta mostra, na que a arte pon o foco na arte, a cámara de Cabada póusase nos protagonistas da creación galega, en autores que a marcaron ao longo dos últimos 50 anos", explicou o director do Museo, José Manuel Rey, na apertura da exposición, que contou coa interpretación de dous temas por parte do pianista Alberto Conde. "Esta mostra reúne retratos en branco e negro de artistas de distintas xeracións, modalidades artísticas e territorios, todas e todos con nacemento ou residencia en Galicia". 

Retrato de Jorge Castillo feito por Anxo Cabada.
Retrato de Jorge Castillo feito por Anxo Cabada.

Nas imaxes, de gran formato, pódense ver aos artistas, 17 homes e 17 mulleres, posando diante dun pano negro (a mesma técnica que Cabada xa usara cando retratou aos escritores), nalgúns casos con algunha das súas obras, noutros cos materiais que empregan no seu traballo. Segundo dixo Rey, "a mostra dialoga coa exposición permanente do Museo, na que podemos atopar a obra de varios dos e das artistas retratadas, como Acisclo Manzano, Din Matamoro ou Tatiana Medal. Tamén Silverio Rivas, que protagoniza a nosa próxima exposición, que inauguraremos a finais deste mes". 

O director do Museo tamén anunciou que a proposta de Cabada se completa cun vídeo e coa edición dun catálogo que inclúe un texto de Carlos López Bernárdez e un poema de Olga Novo.