Apertas de buxo para Vázquez Pintor

Pontevedra acolle o xoves 7 de abril unha homenaxe ao escritor e mestre Xosé Vázquez Pintor na que participarán David Otero, Fina Casalderrey e Baldomero Iglesias 'Mero' ▶ No acto, que se celebrará no Pazo de Mugartegui, presentarase o libro 75 apertas de buxo irmandadas para Pintor
O escritor e mestre Xosé Vázquez Pintor. RAFA FARIÑA
photo_camera O escritor e mestre Xosé Vázquez Pintor. RAFA FARIÑA

Como unha homenaxe pública ao escritor e mestre Xosé Vázquez Pintor (Melide, 1946) está concibido o acto de presentación do libro 75 apertas de buxo irmandadas para Pintor (Edicións Fervenza, 2022), que terá lugar o xoves 7 de abril (20.00 horas) no Pazo de Mugartegui de Pontevedra. No tributo, ao que está previsto que asista o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o propio Pintor, intervirán amigos achegados ao escritor como son diversos literatos e mestres. Entre outros, David Otero, Fina Casalderrey (tamén académica da Lingua Galega) e Baldomero Iglesias Mero (tamén cantante). Ademais falará a concelleira de Cultura, Carme Fouces. O acceso á homenaxe é libre e gratuíto ata completar cabida.

A obra que se presentará en Mugartegui é un libro conmemorativo no que participan un total de 75 persoeiros, escritores, pintores e amigos de Xosé Vázquez Pintor que, cos seus escritos, "colaboraron na elaboración desta obra homenaxe e nos que mostran o seu particular respecto e agarimo á figura do escritor", explica Edicións Fervenza. "Trátase de amigos e veciños das súas dúas terras, Cangas e Melide; pero tamén compañeiros de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Cuntis, a Estrada, Vigo, Bueu ou Moaña, entre outros".

A pesar de ter nacido en Melide (A Coruña), a maior parte da vida de Xosé Vázquez Pintor transcorreu entre Agolada e Cangas. Mestre xubilado, que rematou a súa carreira na Xunqueira, en Pontevedra, en 2006, o escritor foi colaborador de distintos medios de comunicación, entre eles Diario de Pontevedra. Autor fundamental da literatura galega contemporánea, tense achegado a todos os xéneros, da poesía ao teatro pasando polo ensaio. Entre outros, recibiu os premios Esquío (por No corazón mancado, 1989) e Uxío Novoneyra (Bandazos, 2000), os dous no ámbito poético, así como o Torrente Ballester e o da Crítica (A memoria do boi, 2001) e o Vicente Risco (Para dicir abril, 2007), en narrativa.

Comentarios