miércoles. 01.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 01.04.2020
El tiempo

Aproveitar estes días para viaxar

Algunhas das recomendacións. DP
Algunhas das recomendacións. DP
RECOMENDACIÓNS PARA A CORENTENA ▶ Sete persoas do ámbito cultural (Antón Sobral, Fina Casalderrey, Manuel Jabois, Susana Pedreira, Suso Novás, Andrea Bayer e Kiko da Silva) achegan suxestións para pasar o confinamento entre libros, películas e música

"EU APROVEITO estes días para viaxar", di o pintor Antón Sobral. "Onte estiven nos lagos ingleses. Porque estou lendo a Coleridge e Wordsworth. Os libros e as películas tamén están para iso. É unha marabilla estar na casa".

Evadirse da realidade é unha das razóns que as sete persoas do ámbito cultural pontevedrés –ademais de Sobral, a escritora e académica Fina Casalderrey, os xornalistas Manuel Jabois e Susana Pedreira, o programador cinematográfico Suso Novás, a dramaturga Andrea Bayer e o debuxante Kiko da Silva– dan á hora de ofrecer unhas cantas recomendacións para seguir consumindo cultura na casa, aproveitando o confinamento da alerta sanitaria por coronavirus. Facer máis levadeira a corentena con humor é outra das razóns que se repiten. Ou aproveitar para coller libros voluminosos, que habitualmente botan para atrás, agora que hai tempo de sobra. Estas son as súas suxestións de lecturas, películas (ou series) e músicas para estes días.

Antón Sobral escolle para ler Las palabras rotas, de Luis García Montero. "É un ensaio sobre valores que se están perdendo e que acaba cada parte –sobre a verdade, o progreso, a soidade, o amor, o tempo...– cunha poesía". No plano audiosual elixe Memorias de África, película de Sydney Pollack, protagonizada por Meryl Streep e Robert Redford. "Porque con esta película podes facer unha viaxe por África dende a casa. Ten unha música preciosa e está chea de detalles fermosísimos".

Para escoitar, Sobral recomenda Bleue, da francesa Keren Ann, que é o disco que está a poñer el precisamente estes días. "É un traballo moi poético. Escóitoo porque me serena".

PREMIO NOBEL. Fina Casalderrey escolle o traballo dun Premio Nobel para ler: Neve, de

Orhan Pamuk. "Por fortuna está traducido (moi ben) ao galego [na editorial Galaxia] e non precisamos saber turco nin viaxar a Turquía para que as maxistrais palabras do autor nos leven polas súas rúas, pola paisaxe nevada coma quen nos traslada nunha montaña rusa polo mundo". A escritora, como Sobral, aposta pola cultura para viaxar. "Non é preciso saír da casa para viaxarmos a Turquía e sentir o frío daqueles días no aire que respiramos". Para ver recomenda El pianista, unha película de Roman Polansky, "onde Adrien Brody borda o seu papel", di. "Ten ademais o aliciente de estar baseada na historia real dun músico polaco. Fuxir de nós mesmos para vivir momentaneamente outras vidas, agradécese". E para escoitar, Mundo louco, un tema escrito por ela a modo de berro infantil que se incluíu nun libro-disco que se publicará en abril, pero do que se poden procurar avances en internet (YouTube). "Canta Xoana, un descubrimento, unha voz que vai soar moito". A melodía é de Néstor Blanco.

Manuel Jabois propón coller estes días o mesmo libro co que está el, Ensayos, de Montaigne. "Non se me ocorre nada mellor para ler en época de extremos, histeria e apocalipse; é unha beleza non de libro senón de pensamento". Recomenda tamén unha película e unha serie: Las consecuencias del amor, de Paolo Sorrentino, e The Office, creada por Ricky Gervais. "Sorrentino creou un personaxe mellor que Gambardella: Titta Di Giromalo, e The Office é unha serie divertidísima e intelixente para pasar horas". O disco co que se queda é A por ellos que son poco y cobardes, de Loquillo y Trogloditas. "O título chama ao combate e Loquillo tamén".

PODCASTS. Susana Pedreira recomenda libro, serie e disco, pero tamén que se aproveite para escoitar podcasts radiofónicos (arquivos sonoros de programas que as emisoras permiten recuperar online). "É o momento perfecto para facelo". Como lectura escolle Rewind, de Juan Tallón. "Para min, un dos libros do ano. Recomendaríallo a calquera, tanto a alguén que sexa moi lector e goce coa alta literatura, como a alguén que lea esporadicamente. E recoméndoo tamén por un motivo persoal, porque estaba previsto que Juan viñese a presentalo á librería Cronopios, xusto o día anterior a que se declarase o estado de alerta e houbo que adialo, co compromiso de que, en canto poidan abrir as librerías, virá a presentar a novela". A xornalista indica que case non ve películas, pero si series, así que escolle unha: Paquita Salas, creada por Javier Calvo e Javier Ambrossi. "Quen non a vira, ten que vela. Nestes momentos precisamos o humor máis que nunca, pero ademais sempre introducen temas sobre os que reflexionar".

Finalmente, como disco para escoitar na corentena queda con Inmersion, de Guadi Galego. "Recoméndoo moitísimo. Penso que é o momento perfecto para gozar do talento de Guadi Galego se xa a coñeces e para descubrila se non".

Suso Novás, que é un dos directores do festival Novos Cinemas, escolle como lectura La piedra lunar, de Wilkie Collins. "Paréceme que agora é o momento de coller un libro que habitualmente non collerías por falta de tempo. É algo así como unha antecesora da novela policiaca, unha obra pioneira e fascinante, un destes libros que engancha".

Novás recomenda aproveitar para ver o filme Harold y Maude, de Hal Ashby, "unha das comedias acedas e vitalistas máis importantes dos anos 70", e a serie La mejor juventud, de Marco Tulio Giordano. "Para min, unha das narracións dos últimos anos que mellor mesturou o privado e o público, a historia dunha familia e a historia de Italia. Ten, neste sentido, algo das novelas de Tolstoi ou Dickens. Paréceme unha serie preciosa, unha gozada". E para escoitar, selecciona The Village Green Preservation Society, de The Kinks. "É a conxunción perfecta entre intelixencia, sarcasmo e melodía. E teñen moi mala hostia. Perfecto para estes días".

ABURRIMENTO. Andrea Bayer, da compañía Baobab, fai recomendacións para toda a familia. "Pero creo que tamén é importante lembrar que os nenos e as nenas teñen que aburrirse. Non poden estar hiperestimulados todo o tempo". Ela propón como lectura Enigmas. Desafía tu mente con 25 historias de misterio, de Víctor Escandell, e Soy la vida e Soy la muerte, de Elisabeth Helland Larsen e Marine Schneider. "Son dous contos complementarios marabillosos". Para ver escolle La familia Bélier, de Éric Lartigau, "unha peli francesa que é unha chulada" e tamén E.T., "un clásico que segue resultando emocionante". E para escoitar, O mundo está parado, de Guadi Galego. "É un disco que me encanta e que me parece ideal para esta situación", di.

Kiko da Silva propón ler Epílogo, de Pablo Velarde. "Os lectores de El Jueves coñéceno como autor humorístico. Pero agora deu o salto á novela gráfica, da man dun novo selo, Nuevo Nueve. Estou seguro de que vai ser un dos libros do ano". Como Susana Pedreira, Da Silva prefire recomendar series a películas. A primeira de todas: El último hombre en la Tierra, creada por Will Forta. "Podería verse case como unha parodia do que está pasando nestes momentos. É tremendamente divertida". E no terreo musical, o ilustrador propón conectarse o próximo domingo á rede para escoitar un concerto de Roger Subirana en directo. "Participarán un montón de amigos, eu incluído".

AS SUXESTIÓNS
Antón Sobral
Las palabras rotas, de Luis García Montero.
Memorias de África, de Sydney Pollack.
Bleue, de Keren Ann.

Fina Casalderrey
Neve, de Orhan Pamuk.
El pianista, de Roman Polanski.
Mundo louco , de Xoana e Néstor Blanco.

Manuel Jabois
Ensayos, de Montaigne.
Las consecuencias del amor, de Paolo Sorrentino.
A por ellos que son pocos y cobardes, de Loquillo y Trogloditas.

Susana Pedreira
Rewind, de Juan Tallón.
Paquita Salas (serie), de Javier Calvo e Javier Ambrossi.
Immersion, de Guadi Galego.

Suso Novás
La piedra lunar, de Wilkie Collins.
Harold y Maude, de Hal Ashby.
The Village Green Perservation Society, de The Kinks.

Andrea Bayer
Enigmas. Desafía tu mente con 25 historias de misterio, de Víctor Escandell.
La familia Bélier, de Éric Lartigau.
O mundo está parado, de Guadi Galego.

Kiko da Silva
Epílogo, de Pablo Velarde.
El último hombre en la Tierra (serie), de Will Forte
►Roger Subirana.

Aproveitar estes días para viaxar
Comentarios