O Arquivo Municipal pon 150.000 documentos a disposición dos cidadáns a través de Atopo

O buscador da Deputación de Pontevedra permite acceder a actas plenarias, e documentos administrativos e audiovisuais de entre 1834 e 2004
Un momento da presentación da dixitalización dos documentos do Arquivo Municipal. DAVID FREIRE
photo_camera Un momento da presentación da dixitalización dos documentos do Arquivo Municipal. DAVID FREIRE

Máis de 150.000 documentos do Concello de Pontevedra, de entre 1834 e 2004, entre os que hai dende actas de plenos municipais a todo tipo de documentos administrativos e audiovisuais, están a punto de pasar a disposición da cidadanía a través do portal Atopo da Deputación. Vén a supoñer un 75% do total da documentación que se conserva no Arquivo Municipal. "A día de hoxe temos subidos 48.000 documentos, dos cales 27.000 son públicos. Nas próximas dúas semanas agardamos chegar aos 150.000", explicou a concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías. "E o proceso segue en marcha porque é continuo. E non facilita só o acceso dos cidadáns, senón que axiliza en grande medida tamén os procesos internos de traballo administrativo".

Gulías presentou este martes, no Arquivo Provincial, esta posta a disposición pública, "sempre cumprindo coa normativa de protección de datos vixente", de fondos municipais. Fíxoo acompañada polo arquiveiro Rodrigo Silva; polos responsables do departamento provincial de Arquivo documental e Audiovisuais, José Luis Castro Carpintero e José María Cumbraos, e pola  deputada provincial de Patrimonio Documental e Bibliográfico, María Ortega. Foi esta última a que puxo a disposición de 137 entidades da provincia, incluídos todos os concellos, a ferramenta ATOM, que lle permite dixitalizar fondos documentais e despois incorporalos á base de datos do portal Atopo. Neste momento ten 2,2 millóns de referencias de toda a provincia (en parte públicas e en parte restrinxidas), a excepción de Vigo, que por agora permanece á marxe. Ortega explicou que, tras a cantidade de documentación achegada, o Concello se converteu na segunda institución con maior número de fondos no sistema, só superada pola propia Deputación.

Máis de 2.200 imaxes

Tanto Gulías como Ortega salientaron que, ao mesmo tempo que se traballaba coa documentación arquivística, tamén se catalogaron e dixitalizaron fondos audiovisuais. Nos próximos días incorporaranse máis de 2.200 imaxes, "que permiten coñecer a historia deste concello, a evolución da súa vida política, social e cultural, ademais de urbanística".

Ademais de rexistros do Concello de Pontevedra, en Atopo tamén se terá acceso aos dos concellos que foron de Salcedo, Xeve ou Ponte Sampaio. Tamén a coleccións privadas como as de Tafisa, Nelson ou Rafa Vázquez.

Anabel Gulías explicou que para ela, a través desta colaboración coa Deputación, se abría unha nova etapa para o arquivo municipal. "O noso obxectivo é poñer a disposición da cidadanía toda a documentación posible. Os arquivos deben ser lugares abertos ao público", dixo. Tamén relacionou o proceso de dixitalización co de modernización da administración pública. "Aquí estamos sentando as bases para un arquivo dixital, que é ao que queremos chegar".

Neste sentido, o arquiveiro municipal, Rodrigo Silva, explicou que estaba aberto un proceso de limpeza que comezou recentemente autorización para a destrución de 1.500 caixas con expedientes de plusvalías e que ten previsto continuar. Faise co visto bo do Consello de Avaliación Documental. Pontevedra é o único concello da provincia que o ten en funcionamento. 

Un servizo centralizado en Michelena 30
Rodrigo Silva lembrou que o Arquivo Municipal aspira a converterse nun servizo centralizado no edificio do Concello en Michelena 30 (unha das súas sedes, xunto ao colexio Froébel e ao Antigo Conservatorio), mentres se agarda polo proxecto definitivo para o antigo edificio de Hacienda.

Comentarios