O Arquivo Provincial celebra o Día das Bibliotecas cunha exposición virtual

A mostra, á que pode accederse a través da páxina web do servizo da Deputación, está dedicada ás edicións de luxo que conserva a institución
Detalle dunha edición de luxo do Arquivo Provincial. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera Detalle dunha edición de luxo do Arquivo Provincial. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Edicións de luxo, como son os exemplares do Códice Calixtino, da obra poética de Rosalía de Castro ou de O humorismo gráfico de Castelao, conforman a exposición virtual coa que o Arquivo Provincial celebra o Día das Bibliotecas (24 de outubro). O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra ten á disposición do público a mostra na súa páxina web.

Na propia introdución da exposición, o Arquivo explica que as coñecidas como edicións de luxo son volumes que destacan polos seus especiais valor e beleza e, polo tanto, acostuman a ocupar un lugar destacado nas bibliotecas e centros de documentación. A mostra virtual está conformada por dez exemplares e permite coñecelos en profundidade a través de fotografías e de información específica. Ao tempo, cada ficha remata cunha ligazón aos datos do rexistro bibliográfico existentes no portal Atopo.

Segundo informa o servizo, as edicións de luxo que forman parte do seu fondo son fundamentalmente de dous tipos: "edicións facsimilares, que buscan facer unha reprodución o máis fiel posible de obras de destacada importancia tanto histórica como estética" e "libros con colaboración de artistas, xa sexa con obras de autoría orixinal ou recompiladas pola editorial".

O Arquivo Provincial tamén lembra que todos os volumes da mostra virtual están dispoñibles para o público a través da consulta directa na sala da súa biblioteca (segundo andar).

A maiores, o departamento provincial tamén lembra que acaba de incorporar 63 novos títulos na modalidade de préstamo, "relacionados na práctica totalidade co ámbito galego e nunha alta porcentaxe coa provincia de Pontevedra". Os interesados en recibir detalles sobre as novidades na biblioteca poden subscribirse ao seu boletín a través da propia web.

Comentarios