Arte contemporánea con ollos de neno

Afundación reúne algunhas das mellores obras da súa colección artística para a mostra 'Con D de arte', que busca facer chegar a pintura e a escultura de vangarda aos máis pequenos
Imaxe da inauguración deste mércores. JAVIER CERVERA MERCADILLO - Con D de arte - Café Moderno (1)
photo_camera Imaxe da inauguración deste mércores. JAVIER CERVERA MERCADILLO

Unha das meninas de Picasso abre a mostra 'Con D de arte', que busca achegar as expresións artísticas contemporáneas aos máis pequenos. Á altura dos cativos, con inscricións claras e adecuadas á súa idade e co acompañamento de guías que tratan de transmitir o valor da arte para formar público especializado no futuro. Este é un proxecto da obra social de Abanca.

África Martínez e Ana Barreiro, comisarias e integrandes do proxecto Taller Abierto, explicaron este mércores os criterios que seguiron para seleccionar as obras da mostra entre a colección de Afundación. "Queríamos explicar conceptos como a liña, a cor, o tamaño, a paisaxe ou o retrato e escollemos as obras que mellor se prestaban", explicaba o mércores Martínez. Do mesmo xeito, aseguraron que as pezas seleccionadas trascenden a arte e dan a oportunidade de falar de cuestións de actualidade como a igualdade ou o cambio climático. "Por exemplo, hai cadros de paisaxes que non son o que nos imaxinaríamos cando pensamos nun cadro de paisaxes", contou.

Imaxe da inauguración deste mércores. JAVIER CERVERA MERCADILLO - Con D de arte - Café Moderno (2)

Na presentación da mostra do mércores estivo tamén a responsable da área de cultura de Afundación, Marité Cores, que destacou a importancia de "contar cun proxecto didáctico coa finalidade de chegar aos máis pequenos para provocar neles o pensamento crítico, o coñecemento e a intelixencia para formalos e que o día de mañá sexan público adulto de arte".

Aínda así, non é só unha exposición infantil, senón para todos os públicos. A mostra quedará aberta ao público ata o vindeiro 11 de xaneiro no Café Moderno de Afundación, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas. Ademais, dende este mércores están a realizarse visitas programadas con centros educativos da provincia para coñecer a mostra.

Imaxe da inauguración deste mércores. JAVIER CERVERA MERCADILLO - Con D de arte - Café Moderno (4)

ARTISTAS. A exposición conta con pezas asinadas por artistas como Pamen Pereira, Tatiana Medal, Picasso, Saura, Álvaro Negro, Jorge Perianes ou Pilar Alonso. O obxectivo é achegar aos públicos máis novos as formas de expresión artística que lles poden resultar máis próximas, nun intento de introducilos na linguaxe visual. O coñecemento desta linguaxe é moi necesario hoxe en día, tal e como explica a organización, xa que deben aprender a descodificar as mensaxes visuais que anegan as súas vidas diariamente, xa sexa a través dos medios de comunicación, as redes sociais, as plataformas de contido en streaming, etc. Así, a través das obras desta mostra poderán establecer un vínculo entre o mundo que os rodea e a arte contemporánea, que pola súa capacidade mediadora entre artista e público, interpela á persoa receptora de maneira directa, estimulando a imaxinación e motivando pensamentos críticos que enriquecen a formación dende as idades máis temperás.

Imaxe da inauguración deste mércores. JAVIER CERVERA MERCADILLO - Con D de arte - Café Moderno (3)

Ademais, a Área Educativa de Afundación deseñou unhas didácticas complementarias para escolares de todos os tramos de idade. Deste xeito, os nenos e nenas desde Educación Infantil ata 3º de Primaria poderán participar en A arte que só pequenas e pequenos logramos comprender; os escolares desde 4º de Primaria ata 2º da ESO poderán asistir a Brigadas creativas; e os estudantes desde 3º de ESO ata Bacharelato e Ciclos Formativos poderán gozar e aprender en 'Con D de arte'. Máis de 1200 alumnas e alumnos de centros escolares de Pontevedra e arredores xa reservaron praza para participar.

Comentarios