"Os artistas xa estamos afeitos a estas situacións de soidade"

Antón Patiño, artista visual e escritor monfortino, expón no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) 'Caosmos', unha escolma de obras de varias décadas nas que establece unha conversa co seu 'eu' adolescente.
Antón Patiño.MENCHU LAMAS
photo_camera Antón Patiño.MENCHU LAMAS

CUNHA exposición que ía botar a andar cando se decretou o estado de alarma, Antón Patiño (Monforte, 1957) tivo que pasar o confinamento en Madrid, lonxe dos seus e da súa adorada Ribeira Sacra. De volta na casa e superada xa esa situación, está inmerso en varios proxectos e 'Caosmos', que quedara posposta pola pandemia, está en funcionamento.

Como levou o tempo de confinamento?
Á marxe do aspecto tráxico, na cuestión cotidiana, estou afeito a estar moito tempo de traballo en soidade, lendo, reflexionando... Psicoloxicamente os artistas estamos acostumados a iso e máis preparados para este tipo de situacións.

Serviulle para lograr maior inspiración?
Sinceramente, foi moi produtivo para min. Ben é certo que, durante as primeiras semanas, a situación tan adversa non permitiu estar nun estado de concentración plena. Logo, houbo un proceso de aceptación da situación e o que tentei foi volver á normalidade no eido da creación. É un reto unha situación así.

Pero un artista tamén necesitará contacto co exterior.
O proceso artístico é un feito social que precisa desa conexión co mundo externo. A arte sempre se basea nun retorno que reflicte o fenómeno de alteridade.

Desde o punto de vista persoal, o máis importante é o recente nacemento do meu primeiro neto

Algunha vez se imaxinou ter unha exposición en plena pandemia?
Ninguén podería sospeitar que todo quedara parado como quedou. Tantos meses despois, a mostra daba a sensación de que o tempo quedara suspendido. Afortunadamente, 'Caosmos' púxose en marcha e está a ter unha boa acollida.

A trazo groso, que se vai atopar un nela?
A mostra está formada por unha escolma de obras que abrengue desde os anos setenta ata a actualidade. Nela establezo un diálogo co meu 'eu' adolescente desde a perspectiva de agora.

Que lle provoca esa conversa retrospectiva?
A mocidade é onde marcamos os soños e as utopías se trazan como metas. Achegarse ó soño da adolescencia pode ser un inventario da renuncia mais, no meu caso, as sensacións están a ser boas porque non desistín dos soños adolescentes.

Pódense trazar certos paralelismos con aquela época?
Daquela era o remate da ditadura e agora estamos nunha dimensión totalitaria inédita. A globalización vai varrendo cas fronteiras e ca xustiza social. A loita contra o Franquismo era pola liberación e a loita de agora é contra estilos de vida impostos a escala planetaria.

Con que ferramentas se pode combater contra iso?
Necesítase moita cultura e moita resistencia. Débese establecer a defensa dos pobos e da vida cotiá nun contexto case robótico, debemos crear un imaxinario libre. Temos que construír outros mundos da imaxinación que xeren cidadáns libres.

É aí, entón, onde entra a arte contemporánea?
Os artistas temos que contribuír para que a vida teña espontaneidade fronte á cuadrícula da axenda de ferro. Obsérvase como algo para a elite, cando realmente está aberta a todos. O CGAC está en Bonaval e alí pode ir calquera, sempre e cando cumpra a normativa sanitaria (risas).

En que situación se atopa o sector no país?
Cómpre unha renovación colectiva e débese facer un esforzo en común para ver que pode aportar cada un a ela. Eu son da idea de que cómpre facer propostas luminosas que se alonxen da queixa e xeren unha situación de catarse. Procuro que isto que a min me emociona poida conmover tamén a outras persoas activando o valioso patrimonio que é o dos sentidos.

Á parte de 'Caosmos', está envolto en máis proxectos?
Tralo peche, atópome nunha etapa moi intensa. Estou moi satisfeito da conxunción de diversos factores. O principal, desde o punto de vista persoal, é o recente nacemento do meu primeiro neto. Desde a visión profesional, estou envolto no proceso de varios libros que se atopan en diferentes etapas de publicación. No caso de 'Libro dos Lugares II', falo de lembranzas con amigos, familiares, co meu pai... sendo Monforte o escenario principal.

Que relación ten ca cidade?
É un vínculo principalmente emocional. Alí teño boa parte da miña familia, entre ela xente nova que se atopa tamén no mundo do deseño. Asemade, no cemiterio descansan moitos familiares e amigos ós que lle teño moito cariño.

A policromía das paisaxes da Ribeira Sacra lévoas prendidas na retina desde ben neno e permanecen no pouso da memoria

Vai moito por alí?
Adoito ir con frecuencia. No verán imos antes e despois das festas. Este ano vou estar na feira do libro de finais de agosto. Monforte forma parte dun triángulo máxico que está conformado por Malasaña, en Madrid, e Alcabre en Vigo.

Que pegada ten a Ribeira Sacra na súa obra?
É un espazo onde conflúen masas de auga cos soutos e cas fragas. Os ríos, os socalcos e o minifundio forman un mundo do que se imitan de formas e expresións. A policromía desa paisaxe lévoa prendida na retina desde ben neno. Teño viaxado a moitos lugares fermosos, pero nos estratos da memoria permanece o pouso desas panorámicas. Esa pisada síntela con forza e transmítela cara fóra.

Comentarios