La Asociación de Escritores en Lingua Galega homenajea a Marilar Aleixandre

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará este sábado día 5 en Santiago a XVI edición da homenaxe 'O escritor na súa terra', que recaerá na figura e a traxectoria literaria de Marilar Aleixandre.

Segundo explicou a AELG, esta celebración popular ten como obxectivo recoñecer a "entidade literaria" de "insignes figuras" das letras galegas a través dunha serie de eventos como a entrega dun galardón, unha peza escultórica asinada por Silverio Rivas; a plantación dunha árbore simbólica (que neste caso será un endrino) e a colocación dun elemento conmemorativo no lugar de orixe do escritor.

En concreto, o sábado día 5 ás doce menos cuarto do mediodía terá lugar a plantación do endrino no parque da Avenida de Barcelona, en Santiago, onde tamén se descubrirá un monólito conmemorativo e unha placa que atribúe o nome da homenaxeada ao parque.

Posteriormente, á unha da tarde, terá lugar o acto de entrega dun galardón coa letra E no Salón Nobre do Pazo de Raxoi para concluír ás dúas e media da tarde nunha comida de confraternización no Hotel Restaurante Palacio do Carmen.

A autora
Marilar Aleixandre é unha narradora, poeta, traductora que usa o galego como lingua literaria e afirma que ten a lingua partida, pero que non todos os bichos con lingua bífida son perversos. En canto aos libros, di que no fondo son mensaxes escritas con tinta, chuspe ou sangue que guindamos ao baleiro coa esperanza de que alguén os reciba. Afeccionada a recoller palabras descarreiradas, gárdaas entre as liñas de relatos ou poemas.

Vive en Santiago de Compostela onde ensina Didáctica da Bioloxía e Educación Ambiental na Universidade, e escribe. Algúns temas recorrentes nos seus libros son as traizóns, sobre todo as traizóns a un mesmo, a unha mesma e as tortuosas relacións familiares.

Comentarios