O Ateneo de Pontevedra recibiu este venres con "expectación" a promesa do vicepresidente da Deputación Provincial, Rafa Domínguez, de ofrecerlle "nuns días" un espazo que poida empregar como sede e que aínda non lle concretou. En concreto, segundo informa o organismo provincial, Domínguez "anunciou o ofrecemento de espazos e recursos do Museo de Pontevedra ao tecido cultural da cidade para a realización de actividades culturais".
Nese compromiso encadraríase o de darlle solución á perda da sede do Ateneo no Edificio Administrativo da Xunta en Benito Corbal, onde veu traballando nos últimos catro anos, tras a actualización dos inquilinos que se fixo nos últimos meses por parte da Administración Autonómica seguindo os criterios dunha comisión técnica. O Ateneo está pendente de que se resolvan as alegacións que presentou ao respecto. Mentres tanto, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou á Xunta a rectificar a súa decisión, o pasado xoves, no Parlamento Galego e o Partido Socialista (PSOE) levará o caso ao pleno municipal do vindeiro luns, 25 de setembro, a través dunha moción.
Rafa Domínguez reuniuse este venres no Pazo Provincial con tres representantes do Ateneo, Xaime Toxo, Antón Sobral e Manuel Reboiras. Segundo informa a Deputación, o político do Partido Popular (PP) recibiu aos membros do colectivo cultural lendo un fragmento do poema ¡Oh yo, vida!, de Walter Whitman, no que era unha chiscadela ao que foi o último acto do Ateneo no local de Benito Corbal, onde tamén se recitou ao autor norteamericano.
"Con este ofrecemento enriquecemos a nosa comunidade e fomentamos a participación activa da cidadanía en actividades culturais", sinalou o vicepresidente provincial, ao tempo que destacou "o firme compromiso da Deputación coa promoción e o fortalecemento da cultura local", en palabras facilitadas polo ente provincial.
Rafa Domínguez asegurou que este ofrecemento, que "apoiará as actividades das asociacións culturais de Pontevedra", forma parte dunha liña de diálogo aberto e colaboración entre ambas partes para "traballar da man, comprender as súas necesidades e brindarlles o apoio para que poidan continuar ofrecendo experiencias culturais enriquecedoras á comunidade".