O Ateneo lanza unha campaña de captación de socios

O colectivo pontevedrés lembra que se trata dunha iniciativa cidadá que traballa como "un foro aberto, crítico e solidario"

Detrás dunha gran parte das presentacións literarias e das conferencias que se organizan en Pontevedra, entre outras cousas, está o Ateneo na cidade. O colectivo, que preside o escritor e educador Xaime Toxo, vén de lanzar unha campaña de captación de socios.

Entre outras cousas, o Ateneo lembra que se constituíu "como un foro cultural aberto á participación, crítico, solidario e analítico", segundo indican. "A cultura envólvenos permitíndonos elaborar miradas diversas sobre o que nos rodea. Constitúe, sen dúbida, un dos nosos sinais de coñecemento máis poderoso e liberador, ao mesmo tempo máis satisfactorio".

Institución referencial da dinamización cultural da capital da provincia, o Ateneo é unha iniciativa cidadá "formada por persoas que coidamos que dispor dunha plataforma atenta á creación e recración de contidos culturais é importante para a cidade e o seu desenvolvemento".

Fundado en 1966 (o 25 de outubro de 1965 constituíuse a súa comisión xestora e o 18 de novembro de 1966 elixiuse a súa primeira xunta directiva), naceu da man de persoas como Filgueira Valverde ou Torrente Ballester.

30 EUROS AO ANO. Na actualidade, o Ateneo segue a traballar na organización de actividades culturais ao longo de todo o ano. Os seus responsables lembran que para formar parte activa e colaborar coas súas iniciativas, facerse socio custa 30 euros ao ano. Os interesados en apoiar a institución e as súas propostas poden entrar en contacto cos seus coordinadores a través do correo electrónico [email protected].

Comentarios