Que se le en Pontevedra durante o verán? O balance dos títulos máis solicitados nos meses de xullo e agosto na Biblioteca Pública Antonio Odriozola, facilitado pola Consellería de Educación e Cultura, desvela que entre os máis pequenos triunfan Os Bolechas e entre os mozos e mozas as series de manga xaponés. O público adulto busca o thriller e a novela que recrea feitos reais.
Tanto en galego como en castelán, as autoras son as favoritas dos lectores da biblioteca. Dos nove escritores dos que máis títulos se prestan, seis son mulleres: Marta Villar, Ledicia Costas, Fina Casalderrey, Eva García Sáenz de Urturi, Maggie O’Farrell e Elvira Lindo. Xunto aos seus libros están os de Xabier Quiroga, Carmen Mola (seudónimo de Jorge Díaz Cortés, Agustín Martínez e Antonio Santos Mercero) e Juan Luis Arsuaga.
Entre os volumes que máis se solicitaron en galego este verán está a última novela de Xabier Quiroga, Coa man esquerda (Xerais, 2023). Xunto a ela está unha das revelacións da temporada literaria en Galicia, Non temerás os coches amarelos (Xerais, 2023), de Marta Villar. e o que foi o debut na narrativa para adultos dunha autora de renome da literatura infantil e xuvenil, Ledicia Costas: Infamia (Xerais, 2019).
A Jabalina
Tamén está entre as novelas máis solicitadas en galego A muller xabaril (Xerais, 2023), o traballo máis recente da escritora e académica pontevedresa Fina Casalderrey que, igual que Costas, asina aquí a súa primeira incursión importante na literatura para adultos. No caso de Casalderrey, inspirándose nunha figura real, a de Adelina Franco, a Jabalina, unha muller que viviu no século pasado en Xeve, abandonada polas corredoiras e afectada por problemas de saúde mental.
Polo que se refire á narrativa en castelán, os usuarios e usuarias escolleron para as súas lecturas estivais maioritariamente a triloxía de Carmen Mola protagonizada pola inspectora Elena Blanco. As tramas de La novia gitana (Alfaguara, 2018), La red púrpura (Alfaguara, 2019) e La nena (Alfaguara, 2020) teñen milleiros de seguidores en todo o Estado e tamén en Pontevedra.
Outra autora multivendas moi demandada na Biblioteca de Pontevedra é Eva García Sáenz de Urturi. En concreto a súa última novela, El ángel de la ciudad (Planeta 2023). Fóra do thriller e do xénero negro sitúanse as obras da irlandesa Maggie O’Farrell, nas que recrea a vida de personaxes femininos á marxe da historia oficial como poden ser Anne Hathaway ou Lucrezia de Medici. As súas obras máis recentes, Hamnet (Libros del Asteroide, 2021) e El retrato de casada (Libros del Asteroide, 2023) están entre as favoritas dos lectores.
A listaxe da narrativa en castelán máis demandada remata con Nuestro cuerpo (Destino, 2023), do paleontólogo e divulgador Juan Luis Arsuaga, e con En la boca del lobo, de Elvira Lindo (Seix Barral, 2023).
Lecturas dos máis novos
Polo que se refire aos lectores máis novos, os seus títulos favoritos adoitan a formar parte de series e coleccións. Así, segundo informa a Biblioteca, a Biblioteca Básica de Os Bolechas, protagonizada polos personaxes creados por Pepe Carreiro; Leo con Bubela, do Colectivo Bubela, ou Mortiña de Barbara Cantini, están entre os títulos máis solicitados en galego. Xunto a eles, aparece o álbum Sopa verde (Oqo, 2013), da escritora Ângela Madeira e o ilustrador Tim Charlier.
En castelán destaca o préstamo de mangas xaponeses como One Piece, Dragon Ball, Naruto, Policán ou Detective Conan. En narrativa, a biblioteca indica que as máis demandadas son as coleccións Diario de Greg, de Jeff Keney; Anna Kadabra, de Pedro Mañas, ou as novelas gráficas de Gale Galligan baseadas nas novelas de Ann M. Martin El club de las canguro.
* Coa man esquerda, de Xabier Quiroga
* Non temerás os coches amarelos, de Marta Villar
* Infamia, de Ledicia Costas
* A muller xabaril, de Fina Casalderrey
NARRATIVA EN CASTELÁN
* La novia gitana, La red púrpura e La nena, triloxía de Carmen Mola
* El ángel de la ciudad, de Eva García Sáenz de Urturi
* El retrato de casada e Hamnet, de Maggie O’Farrell
INFANTIL EN GALEGO
* Biblioteca básica de Os Bolechas, de Pepe Carreiro; Leo con Bubela, de Colectivo Bubela e Mortiña, de Barbara Cantini
* A sopa verde, de Ângela Madeira e Tim Charlier
INFANTIL EN CASTELÁN
* Series de manga One Piece, Dragon Ball, Naruto, Policán e Detective Conan