lunes. 10.05.2021 |
El tiempo
lunes. 10.05.2021
El tiempo

Bailar en pandemia

Clara Ferrao e Leodán Rodríguez no espectáculo de danza da Avenida de Montero Ríos. DAVID FREIRE
Clara Ferrao e Leodán Rodríguez no espectáculo de danza da Avenida de Montero Ríos. DAVID FREIRE
A Deputación Provincial de Pontevedra celebra ao aire libre o Día Mundial da Danza co espectáculo 'Solodados', de Clara Ferrao

A coreografía Solodados, de Clara Ferrao, serviulle á Deputación de Pontevedra para celebrar este xoves o Día Mundial da Danza. Fíxoo programando este espectáculo ao aire libre, pola mañá, na Avenida Montero Ríos. A actividade estaba incluída na programación provincial Aviventa Cultura.

Solodados, estreado no Festival Herdanza de Santiago de Compostela en setembro de 2020, é un espectáculo de danza contemporánea, de 20 minutos de duración, con música de Lkina, no que Clara Ferrao comparte protagonismo co bailarín Leodán Rodríguez. "Nun primeiro momento, os bailaríns actúan como autómatas e corpos que loitan e se adestran de xeito illado ata que, finalmente, se descobren e comezan a crear xuntos movementos fluídos e acompasados", explica a Deputación.

Clara Ferrao é unha bailarina e coreógrafa tudense titulada polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma de Madrid. Forma parte da compañía Al-badulaque. Ten colaborado en eventos de compañías tan importantes como Fura dels Baus.

A maiores, a Deputación tamén tiña previsto celebrar one pola tarde un espectáculo de danza tradicional no exterior da súa sede provincial en Vigo, neste caso, a cargo da agrupación O Fiadeiro.

A coreografía de danza contemporánea, que se puido ver na Avenida Montero Ríos, contou con música en directo de Lkina

DÉBORAH. A escola Déborah de Pontevedra tamén quixo celebrar este xoves o Día Mundial da Danza. No seu caso decidiu facelo, a causa da pandemia, por seguridade e precaución, de xeito non presencial. A escola realizou unha serie de gravacións con coreografías das súas alumnas ao aire libre e compartiunas na súa canle de Youtube. As estudantes de maior idade bailaron dúas canción de Rozalén, Girasoles e La puerta violeta, integrando a linguaxe de signos nos distintos movementos.

Bailar en pandemia
Comentarios
ç