Baiuca: "A xente está fascinada coa nosa música"

Reunindo no Campiño de Santa María (20.00 horas) a dous dos músicos galegos máis importantes da escena actual, Sés e Baiuca, arranca este luns o ciclo En3vistas, do Concello de Pontevedra. Podería saír de aquí unha colaboración? "Non sei, non sei. Para Baiuca, que é un tipo moderno, eu seguramente son unha señora", di Sés.
Baiuca. ELISABET ENCINA
photo_camera Baiuca. ELISABET ENCINA

A súa mestura de música tradicional galega e música electrónica converteuno nun referente da escena galega contemporánea. Alejandro Guillán (Catoira, 1990), de nome artístico Baiuca, comezou facendo pop como Álex Casanova. En 2017 cambia os seus intereses musicais e comeza unha andadura que no último ano o levou, entre outras cousas, a encher salas como La Riviera en Madrid ou a publicar un tema con Carlos Núñez, Solstício. Despois de darse a coñecer cunha serie de cancións soltas, o debut discográfico de Baiuca produciuse en 2018 con Solpor. Despois viñeron Misturas, en 2019; Paisaxes, en 2020, e Embruxo, en 2021, que supuxo a súa consagración. Ten realizado colaboracións con artistas tan dispares como poden ser Carlangas, de Novedades Carminha, co que versionou Fisterra, ou Rodrigo Cuevas. Forman parte da súa troupe habitual as cantareiras Aliboria e o músico Xosé Lois Romero, referente absoluto da música tradicional galega.

Que importancia ten a lingua na súa música?
O meu proxecto ten unha vinculación con Galicia e coa nosa tradición. O galego é a lingua que emprego nas letras porque non tería sentido que fose doutro xeito. Pero isto fai que cando penso en novas colaboracións con artistas da nosa terra non baralle outro idioma. Tampouco me pecho a empregar outros idiomas si colaboro con cantantes doutros lugares.

O galego é a lingua que uso porque o que fago non tería sentido doutro xeito

Cando e por que decide deixar atrás a música pop en castelán e achegarse á música tradicional galega a través da electrónica?
Foi un proceso de busca e de experimentación para chegar a outro punto distinto do que facía. Pero iso xa foi fai moito. Xa non é relevante para min. O interesante pode ser ver cal é a evolución que fun tendo dende que comeza Baiuca ata o día de hoxe.

Nestas En3vistas vai compartir conversa con outra artista galega de éxito, Sés. Que lle parece o que fai María Xosé Silvar?
Fascíname como a xente conecta con ela, coa súa personaxe.

Parécelle que aínda existen prexuízos arredor do idioma galego?
Non sabería dicirche se xa é cousa de prexuízos. A xente fala castelán porque se rompeu a cadea do idioma en galego. Como se muda eso? Eso pasou porque a xente tivo prexuízos.

E arredor da música tradicional? Nota vostede algún prexuízo?
Non sei antes. Agora a xente está fascinada.

Leva un ano acumulando éxitos, enchendo salas, vén de facer un tema con Carlos Núñez... Converteuse Baiuca nunha referencia?
Apostei por esta forma de traballar e de facer música como Baiuca. Cun selo indepentente, facendo concertos dende o comezo e medrando pouco a pouco. Todo o que estou vivindo co meu equipo é polo traballo que estamos facendo.