Baobab gaña o premio Provincia Escena da Feira de Teatro de Ciudad Rodrigo

A compañía pontevedresa recibe o galardón pola obra Ás para Álex
Xosé Manuel Esperante e Cora Velasco en 'Ás para Álex'. BAOBAB TEATRO
photo_camera Xosé Manuel Esperante e Cora Velasco en 'Ás para Álex'. BAOBAB TEATRO

A compañía pontevedresa Baobab vén de ser recoñecida co premio especial Provincia Escena 2022, que se concede no marco da Feira de Teatro de Castela e León. Recíbeo pola súa montaxe Ás para Álex, que se puido ver o pasado 27 de agosto no Teatro Nuevo Fernando Arrabal de Ciudad Rodrigo.

"O xurado que outorga este galardón confórmano os programadores e programadoras culturais de Castela e León que asistiron á feira", explica Baobab. "Trátase dun novo premio, dentro da programación oficial da feira castelá, que nace con varios obxectivos: recoñecer o mellor espectáculo para público infantil e familiar e incorporar o traballo ao programa denominado Provincia a Escena". A obra, estreada o ano pasado en Pontevedra, xirará, ao longo das vindeiras semanas, polos teatros da provincia de Salamanca.

O grupo de teatro pontevedrés, fundado por Andrea Bayer e Óscar Ferreira en 2010, foi unha das 47 compañías seleccionadas na 25ª edición desta feira internacional, que recibiu máis de 1.000 propostas para ser programadas. O evento, que se celebra en Ciudad Rodrigo, está considerado un dos máis importantes do territorio estatal a nivel escénico.

Nesta ocasión, Baobab levou Ás para Álex, unha peza na que se achega á enfermidade do cancro. "Se trata de un montaje de teatro y títeres de corte contemporáneo que aborda de forma madura y responsable un tema como es la enfermedad del cáncer revelando cómo las propuestas escénicas para público infantil y familiar pueden versar sobre temas comprometidos", sinalan os promotores do galardón.

Dirixido por Bayer (que tamén é autora do guión) e Ferreira (que se ocupou da escenografía), o espectáculo correu a cargo de Daniel Abalo na parte técnica (iluminación e son). Os actores protagonistas son Xose Manuel Esperante e Cora Velasco.

O recoñecemento da Feira de Castela e León súmase ao que xa recibira alí mesmo a compañía pontevedresa na edición número 18, cando se fixo co premio ao mellor espectáculo infantil por Luppo. Baobab, que ten dez producións propias, foi finalista dos premios MAX en 2013 e gañou o premio Barriga Verde polo texto de O lobo e a lúa.

Comentarios