O debuxante de historietas e ilustrador mallorquino Bartolomé Seguí está adaptando ao cómic a novela Malaherba, que o escritor e xornalista de Sanxenxo Manuel Jabois publicou no ano 2019 na editorial Alfaguara e que orixinalmente está ambientada en Pontevedra.

Seguí, gañador do Premio Nacional del Cómic en 2009 por Las serpientes ciegas (obra realizada co guionista Felipe Hernández Cava), xa avanzara nalgunha entrevista publicada o ano pasado que estaba traballando na adaptación do libro de Jabois e que sairía coa editorial Salamandra. Tamén facía público que el mesmo se encargaría do guión e do debuxo. O pasado mércores (22 de marzo) compartiu nas súas redes sociais a primeira páxina do cómic, na que se ve a rúa dunha cidade e se pode ler a frase que abre a historieta, extraída directamente da novela: "La primera vez que papá murió todos pensamos que estaba fingiendo".
Bartolomé Seguí publicou a imaxe explicando que con esta adaptación asumía un reto: "Así comienza Malaherba. Ponerle imagen a cualquier lectura es siempre un reto delicado. Espero que Manuel Jabois sienta el cómic tan suyo como la novela. Estamos en ello".
Malaherba, a segunda novela de Manuel Jabois, tras A estación violenta, conta parte da infancia dun neno chamado Tambu, que se cría na Pontevedra dos anos 80 e que enfronta a descuberta do amor e da morte.