Bea Lema: "A sociedade esconde os problemas mentais, seguen a ser un tabú"

A ilustradora, debuxante de cómics e deseñadora gañou o premio Banda Deseñada Castelao con O Corpo de Cristo, obra que trata os problemas psicolóxicos dende o punto de vista dunha nena

Bea Lema. EP
photo_camera Bea Lema. EP

Como xurdiu a idea para O corpo de Cristo?

A idea xurdiu a raíz de ler o libro El drama del niño dotado, de Alice Miller, que fala das consecuencias dos traumas da infancia na vida adulta. Cando o lin sentinme identificada, vin a historia da miña familia reflectida e pensei que tiña algo que contar.

O corpo de Cristo é unha obra moi íntima porque está baseada na súa propia experiencia. É moi difícil plasmar estas situacións?

O proceso foi case como unha terapia. Foi relativamente sinxelo porque envorquei un montón de lembranzas no papel; ía facendo historias curtas, dunhas cinco páxinas, e cando tiven bastantes follas comecei a compoñer a historia.

A pesar de ser un relato tan cru cóntase a través da nena e non da nai. Por que a elixiu a ela como protagonista?

Porque suavizaba un pouco a historia. A visión da nena abrándaa un pouco. Ela asume todo o que pasa na casa de forma natural, porque non ten nada con que comparalo.

Os debuxos, a pesar de tratar un tema tan duro, son moi simples e apenas hai cor. Por que empregou este estilo?

Creo que encaixa ben coa voz que narra a historia, que é a nena, como un estilo infantil. Ademais gústame traballar desta forma tan sintética.

Bea Lema: "A tendencia é ocultar os problemas mentais por medo a ser rexeitado"

Cre que a sociedade esconde os problemas mentais?

Si, totalmente. É algo que segue a ser un tabú. Está moito máis presente do que pensamos e a tendencia é ocultalo por medo a ser rexeitado. Pero o único que fai este silencio é agravar o problema, e normalmente cando sae á luz xa é unha situación insoportable. Penso que o libro pode aportar a dar visibilidade a este tema e normalizalo.

Foi a primeira muller en gañar o premio Castelao de Banda deseñada, a pesar de que levaba doce edicións. Como lle sentou isto?

Non me gusta, porque non fai máis que evidenciar cal é a situación actual en moitos ámbitos da sociedade. Pero a lectura positiva é que algo está cambiando e penso que serei a primeira de moitas mulleres que gañe o premio Castelao.

Cre que a muller ilustradora e creadora de banda deseñada é infravalorada ou menos visibilizada no mundo do cómic?

Si, porque o cómic ten unha historia moi longa asociada aos superheroes, que son historias nas que a muller é difícil que sexa representada. Pero dende a aparición da novela gráfica, na que se tratan outro tipo de temas, é onde as mulleres comezamos a ter máis presencia. Hoxe en día hai un montón de autoras que teñen un traballo moi interesante e é cuestión de tempo que gañemos terreo.

En xuño saíu á venda O corpo de Cristo nas librarías. Como está sendo a acollida do público?

A verdade é que moi boa. Sorpréndeme moito que alguén se achegue para contarme que empatizou co meu traballo porque ten no seu entorno algunha historia similar. Iso para min é o máis bonito.

Tras rematar a carreira de Deseño de Produto traballou en Sargadelos durante tres anos. Como foi a experiencia?

Foi moi chula porque saín da escola con moitas ganas de traballar e comecei nunha empresa que xa ten unha bagaxe histórica, todos os medios e moitos profesionais, así que aprendín un montón. Foi unha experiencia moi interesante.

Despois da etapa en Sargadelos comezou coa ilustración a nivel profesional. Por que deu ese cambio?

Antes de entrar na ilustración estiven valorando as posibilidades que tiña e decidín que quería traballar de forma independente, non dende unha empresa. A ilustración facíame ese proceso moito máis sinxelo, porque no deseño de produto sempre requires dun provedor, de materiais... E a ilustración ten o papel ou o soporte dixital e as túas ideas.

Ten algún novo proxecto en mente?

Agora mesmo estou ampliando O corpo de Cristo con vistas a facer unha edición a nivel nacional. Pero sempre estou aberta a encargos de ilustración.

Comentarios