Beatriz Ruibal recibe o Premio BMW

A creadora pontevedresa faise co galardón polo traballo audiovisual Botanical Night/ Noche Botánica
 
A Raíña Sofía entregándolle o Premio de Pintura BMW, na categoría de arte dixital, á pontevedresa Beatriz Ruibal. JUANJO MARTÍN| EFE
photo_camera A Raíña Sofía entregándolle o Premio de Pintura BMW, na categoría de arte dixital, á pontevedresa Beatriz Ruibal. JUANJO MARTÍN| EFE

A fotógrafa e cineasta Beatriz Ruibal (Pontevedra, 1969) recibiu este luns, no Teatro Real de Madrid, o Premio BMW de Pintura, na categoría de arte dixital polo seu traballo Botanical Night/ Noche Botánica. A Raíña Sofía, acompañada pola súa irmá a princesa Irene de Grecia, presidiu a cerimonia, na que tamén foi recoñecida, no apartado pictórico, a murciana Sonia Navarro.

Audiovisual creado con imaxes  de síntese, a peza galardoada forma parte da serie No Lo Encontraréis En Los  Mapas, a obra que representou a  España na exposición Together  we art, celebrada en Nova Delhi. coincidindo co exercicio da Presidencia do G20. Este traballo, froito dunha residencia da creadora  pontevedresa na Real Academia de España en Roma, busca espertar unha conciencia ecolóxica sobre a perda e o desapego humano coa natureza. A obra, segundo informa BMW, "está compuesta de imágenes de especies vegetales en peligro de extinción: desde palmeras y magnolias hasta yareys y otras variedades que se extienden más allá de los jardines botánicos de las ciudades".

O premio nesta categoría, que se entrega por segunda vez, está dotado con 6.000 euros. O xurado que a recoñeceu estivo composto polo pintor, escultor e debuxante Antonio López; o director do Museo de Bellas Artes de Bilbao, Miguel Zugaza; a fundadora e presidenta da Fondazione Sandretto Re Rebaudengo, Patrizia Sandretto Re Rebaudengo; o director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza en Madrid, Guillermo Solana, e a directora da Fundación Carasso, Lucía Casani.

Maribel Verdú e Carlos del Amor

A gala de entrega de premios, que tiña como fío condutor este ano o Principio de Pascal, incluíu, como é habitual, unha interpretación musical, que correu a cargo de diversos artistas. Estivo presentada por Maribel Verdú a dúo coa voz en off do xornalista Carlos del Amor, "que hizo una reflexión en torno a la armonía de la naturaleza representada en el agua".

Á parte, os asistentes puideron ver unha actuación de Ruth Lorenzo acompañada ao piano. Asemade os encargados de darlle forma ao espectáculo musical foron a arpista Maite Pardo; a Coral Polifacética de Getafe; a artista Yaiza García Motos; os guitarristas Juan Manuel Cañizares e José de Lucía; o percusionista Roberto Vozmediano; o cantaor Jesús Méndez; o artista Chema Abascal e o grupo Spin Gospel Cuartet.

Comentarios