sábado. 28.11.2020 |
El tiempo
sábado. 28.11.2020
El tiempo

Begoña García Alén: "É un momento moi emocionante, o do cómic galego"

Begoña García Alén (Pontevedra, 1989). CEDIDA
Begoña García Alén (Pontevedra, 1989). CEDIDA

A súa aposta polo experimental e a súa fascinación por Bas Jan Ader valeulle a Begoña García Alén o último Premio Castelao de Banda Deseñada

‘Adeus, amigos’ é a obra coa que vén de gañar o Premio Castelao. Que é este traballo? 
Eu comecei traballando nunha historia sobre Bas Jan Ader, un artista neerlandés, que a min me gusta moito e que está vinculado con Galicia dunha maneira moi curiosa. A súa última acción, que lle custou a vida en 1975, consistía en cruzar o Atlántico nun pequeno bote. Algunhas persoas vírono directamente como un suicidio. O caso é que o bote foi atopado en Irlanda por un pesqueiro galego, que o trouxo a Ferrol. Aquí, mentres se realizaba a investigación policial, o bote volveu desaparecer e, desta vez, xa para sempre. Bas Jan Ader era un artista conceptual, que traballaba con fotografía, vídeo e instalación. Adeus, amigos mestura o proxecto que eu viña desenvolvendo sobre el con outra historia ficticia dun neno que, por casualidade, no porto do Ferrol, escoita unha conversa sobre o bote do artista. 

O xurado do certame destacou a súa aposta experimental e a súa gráfica sintética e minimalista. Son intereses que xa veñen de atrás? 
Sen dúbida interésame moito a experimentación e a gráfica minimalista, pero digamos que non é unha opción que eu tome antes de poñerme a traballar. É dicir, eu teño unha idea e esa idea vai vinculada cunha maneira de transmitila. Ás veces é dun xeito e outras doutro. Para min é imposible separar os meus intereses gráficos e estéticos do que me pide a obra. 

Vostede e o gañador do certame na categoría infantil e xuvenil, Andrés Magán, teñen moitas cousas en común: os dous naceron no ano 1989, os dous se formaron na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, os dous comezaron a publicar en 2014... 
A verdade é que si. Foi unha casualidade total. Tamén é certo que na nosa promoción de Belas Artes coincidimos varias persoas que estamos a traballar na ilustración ou no cómic: Roberta Vázquez, Teresa Ferreiro... Todas seguen adicándose a isto. Fíxate o que acabo de dicir: "seguen adicándose". E un pouco triste ter que aclaralo, pero esta é a realidade. Foi moi bonito ter cadrado todos na facultade e agora resulta un tanto sorprendente ter traxectorias tan parellas arredor do cómic, da ilustración ou do debuxo. 

Como foi o seu paso por Belas Artes? Para vostede foi importante ter estudado na facultade? 
Si, para min foi importante. Pero, sobre todo, por iso que acabo de comentar: por levarme a coincidir nun mesmo espazo con xente afín. Penso que iso é o máis enriquecedor dos estudos de Belas Artes en xeral. Evidentemente non quero menosprezar a formación regrada. Podes aprender moito. Pero, no meu caso, foron fundamentais os compañeiros e as compañeiras. O que aprendín deles, todas esas ganas comúns de facer cousas, foron vitais para medrar. É o que máis valoro sen dúbida. 

O papel da muller na banda deseñada xa non se pode obviar. Como tampouco o tema económico. É moi difícil adicarse a isto 

Como foi que empezou a facer banda deseñada? 
Eu debuxaba dende pequena, pero non era unha nena á que lle gustaran os tebeos. Tampouco é que non me gustaran, simplemente non tiña ningún tipo de interese neles. A min interesábanme as películas, debuxar e, sobre todo, pintar. Aos tebeos cheguei xa de adulta. Na facultade precisamente. E creo que o meu traballo é un resultado de toda esa experiencia previa, a dunha persoa que non ten unha bagaxe na banda deseñada como pode ter alguén que medrara lendo os clásicos, pero que despois mesturou o formato con outros intereses. 

Por que se decidiu entón por el á hora de traballar e non por outro? Que atopou no cómic? 
Foi algo natural. Como che dicía, sempre debuxei. E quería ser pintora. Quizais tiña unha idea un tanto idealizada diso. Pero, nun punto dado, foi evidente que me encamiñaba a unha visión máis secuencial. Interesábanme as historias, a narrativa... Aínda que non sabía moi ben como encaixalas. Así, de xeito natural, os meus intereses confluíron no cómic. 

Cambiou moito o seu traballo dende que comezou a publicar en 2014 ata hoxe? 
Si que aprezo unha evolución no meu traballo, aínda que procuro non pensar moito niso. Así ten que ser: se non se andivese sempre á procura dalgo novo, todo sería moi aburrido. Antes dábame moita vergoña a miña propia obra. No momento no que comecei a publicar foi cando me sentín máis segura do que facía e aprecei que iso era o meu traballo e que non pasaba nada. Aí estaba e punto. Valoro moito seguir avanzando e seguir descubrindo cousas novas no ámbito creativo. 

O premio Eisner que recibiu este ano Emma Ríos puxo o foco sobre o movemento autoral en Galicia arredor da banda deseñada e en concreto sobre o traballo das mulleres. Vostede séntese parte dunha nova xeración neste eido? 
Estas son cousas que, para valorar correctamente, precisan de tempo. Xa se verá. É pronto para ter unha visión clara. Pero si que sinto que é un momento moi emocionante o do cómic galego e que se están a facer cousas incribles, a acadar cousas moi importantes. Hai cuestións como esa que comentas do papel da muller que xa non se poden obviar nin deixar pasar porque non hai volta atrás. Hai que expoñelas e falar delas. Pero tamén é un momento de precariedade, non o esquezamos. É moi difícil adicarse a isto. Sería xenial que neste momento dunha calidade creativa tan emocionante e ilusionante, o tema económico fose parello. É outra cuestión que é imprescindible poñer enriba da mesa e falar dela.

Begoña García Alén: "É un momento moi emocionante, o do cómic galego"
Comentarios