Intérprete de folk

Begoña Lorenzo: "Hai que cantar sen medo, porque cantar fai feliz"

Traballa na Deputación. E é unha das voces femininas do folk galego. Así é que acaba de inaugurar o Festival Interceltique de Lorient

Begoña Lorenzo (Rodeiro, 1983). JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Begoña Lorenzo (Rodeiro, 1983). JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Como rematou vostede metida na música tradicional? Foi unha desas cativas que bailaba a muiñeira e tocaba a pandeireta dende pequeniña?
Para nada. O meu foi tardío. Comecei arredor do ano 2000, cando se formou en Lalín o Conservatorio Folque. Daquela practicaba deporte, xogaba ao balonmán, pero apunteime a clases de pandeireta porque sempre me gustou moitísimo cantar. Xa tiña 17 anos, pero alí que fun. E tiven como mestra a Ugía Pedreira. Esa foi a miña gran sorte. Converteuse na miña nai musical. Quedei enganchada. E nunca máis puiden deixar de cantar. A verdade é que, se eu tiven algo nesta vida musical miña, foi unha sorte inmensa. Sempre fun a parar ao carón de excelentes músicos e persoas de quen puiden aprender moitísimo. Iso valeume para medrar sen parar. Esa xente seguiu contanxiándome as ganas de cantar. Síntome unha privilexiada.

E dende entón desenvolve unha carreira tanto en solitario como en diferentes agrupacións.
O primeiro grupo no que cantei foi Grogan Defló, un grupo de Lalín. Compaxineino cos estudos de Xornalismo en Madrid. Era a escusa perfecta para vir á casa. Despois participei noutros proxectos como Axada, grupo que se formou para uns premios de La Opinión e que liderou Pedro Lamas. Logo colaborei con Os Cempés, con Bruno Villamor no disco ‘O gateiro de San Xusto’; con Odaiko no musical para nenos ‘Mar adiante’, de María Victoria Moreno, e, sobre todo, con Tempo Catro, cos que publiquei en 2013 o disco de homenaxe aos ‘Cantares’, de Rosalía, no seu 150º aniversario.

Á parte, está o seu traballo en solitario.
Si, a nivel persoal desenvolvo un proxecto xunto a Iago Mouriño, pianista de jazz de Lalín. Aínda que tamén é certo que nos últimos anos nos xuntamos menos por falta de tempo. E, despois, estou un pouco á expectativa do que vai xurdindo. Non busco. Porque, en realidade, me adico a outra cousa.

Efectivamente, vostede traballa na Deputación de Pontevedra. Nunca pensou en deixalo para adicarse a tempo completo á música?
Eu son xestora cultural. Hai moita xente que non sabe que me adico a isto, igual que hai moita outra que non sabe que canto. A realide é que non estudei música. Estudei Xornalismo e Historia da Arte. Así que estou traballando no meu. E estou moi feliz de que sexa así. Encántame o meu traballo do día a día. Que pasa? Que tamén me fai moi feliz cantar. O que fago é tratar de separar as dúas facetas, que unha cousa non interfira na outra.

E como foi actuar no Festival de Lorient, precisamente no ano no que Galicia era a protagonista?
Foi fantástico! É un traballo incrible o que fai Pablo Seoane á fronte da delegación galega. Fomos cun espectáculo que leva funcionando uns aniños, ‘Xoldra na eira’. Creárono a Banda de Gaitas de Forcarei e a Banda de Música de Silleda. Agora, déronlle unha voltiña, ampliárono con varias colaboracións e convertérono en ‘Le Chemin de Breogán’ para abrir esta edición do Festival de Lorient. Alá que nos embarcamos. Foi unha experiencia fabulosa. Á fin e ao cabo estabamos representando dalgún xeito á música galega. Para min foi un orgullo estar alí, como galega, como pontevedresa, como dezá e como cambota.

Na rolda de prensa na que se presentou o espectáculo preguntáronlle polo papel que xoga a muller na música tradicional galega. Que lles dixo?
Si, preguntáronme como me sentía representando ás mulleres da música galega. Díxenlles que eu non era quen para representalas! Porque había moitísimas e moi importantes. No mesmo Lorient estaban as Bouba, co seu respecto total á tradición, fabulosas, e Mercedes Peón, que fai algo completamente vangardista e rompedor. Por enriba, este ano gañou o concurso de gaita MacCrimmon a coruñesa María López, que ten 15 aniños! Resalteilles todo o que puiden a importancia que ten a muller na nosa música. Delas é practicamente de quen se recolle. A tradición vive nas mulleres que cantaban nos fiadeiros, nos seráns. Para min é un orgullo poder dicir algo así. E dígoo convencida nuns tempos complicados. Manter viva a tradición non debería ser unha obriga senón un gusto.

Falando da música tradicional galega, vostede é das optimistas ou das pesimistas con respecto ao momento que vive?
Eu son optimista por natureza. Nisto tamén, claro que si. Pero gustaríame que a cousa foise aínda mellor do que é. Eu que sei, por poñerche un exemplo, as verbenas galegas están copadas por orquestras que versionan éxitos do pop ou fan música latina. A min encantaríame que as romerías e as verbenas estivesen cheas de grupos de música tradicional. Oxalá. Aínda así, hai tantísimas asociacións e tantísima xente implicada na conservación e na divulgación da música galega que hai que ser positivos e ollar cara adiante. Mentres quede alguén que escoite unha copla e a siga cantando, a tradición non morrerá.

Vostede, que tamén ten impartido aulas, por exemplo na Tradescola de Lugo, que consello lle daría a quen queira aprender a cantar?
Fóra de ensinanzas técnicas, eu o que lle digo a todo o mundo é que non teña medo a cantar. Todos podemos cantar. Se a alguén lle fai feliz cantar, que cante. Porque cantar é marabilloso. É como unha terapia. Algo fermoso. Hai que cantar sen medo, porque cantar fai feliz.

Comentarios