Lunes. 20.08.2018 |
El tiempo
Lunes. 20.08.2018
El tiempo

'A beleza oculta' será o título da exposición dos nenos de 'Somos do Sexto'

Esta será a primeira exposición comisariada por rapaces. MUSEO
Esta será a primeira exposición comisariada por rapaces. MUSEO

Nela participaron trece nenos de Educación Primaria

O Museo de Pontevedra inaugurará mañá a súa primeira exposición comisariada por nenos. Os seus responsables son os cativos que formaron parte do proxecto Somos do Sexto, a través do que traballaron nos últimos meses na realización desta proposta a partir dos fondos do propio Museo. A mostra resultante titularase A beleza oculta e nela estiveron involucrados trece rapaces de Primaria. A apertura da exposición terá lugar ás 18.00 horas (entrada libre).

A empresa de xestión cultural Taller Abierto e o Gabinete Didáctico do Museo coordinaron conxuntamente esta actividade. "Nesta exposición non veremos cadros pintados polos nenos e nenas participantes no proxecto, e atoparemos poucos cadros nos que aparezan cativos, porque desde o principio fuximos do evidente: unha exposición feita por nenas e nenos con temática infantil", aseguran as integrantes de Taller Abierto, en palabras recollidas pola Deputación.

Rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos ocupáronse de montar A beleza oculta. "O obxectivo era coñecer, analizar e crear unha exposición propia a partires da colección permanente do Sexto Edificio", explica a Deputación.

A iniciativa veuse desenvolvendo desde o pasado mes de outubro en sesións semanais. A exposición, tal e como estaba previsto, foi incluída no programa de mostras temporais do ano 2018 do Museo e permanecerá aberta ata o 11 de marzo.

O CONCEPTO. Os promotores da proposta explican que nela se amosarán 18 pezas escollidas polos trece comisarios: Antía González Arias, Clara Prado Barros, Emilio Basanta Vázquez, Guillermo Lariño Salaberri, Inés Fariña González, Iria Flavia Mesa Zaldívar, Manuela Alfaro Manovel, Manuela Sendín Caneda, Nicolás Rozas Martínez, Nuria García González, Pablo Paz Dias, Pelayo Mesa Zaldívar e Quique Muíños Couto.

"Reflexionando sobre o concepto da beleza chegamos ao tema arredor do que xira esta mostra: a beleza oculta en roupaxes grises, en invernos fríos e en latas oxidadas. A beleza que xorde nos pequenos detalles cotiáns que cada autor ou autora decidiu contar", comenta Taller Abierto. Así se explica o título escollido e as motivacións que o xeraron. A empresa asegura, ademais, que tamén intentou fuxir da "mera exposición cronolóxica, porque iso xa está magnificamente formulado polo Museo".

A montaxe, que se está realizando polo persoal técnico do Museo, articúlase en tres seccións: espazo, tempo e corpo, co referente da beleza oculta. "Trátase de pezas de moi diversa procedencia en canto a estilos e épocas e reflicte o proceso de análise e reflexión que os rapaces e rapazas foron culminando desde o inicial isto gústame, isto non me gusta ata chegar a unha proposta expositiva ben fundamentada".

'A beleza oculta' será o título da exposición dos nenos de 'Somos...