'Ben veñas, maio' cumpre 25 anos advertindo sobre "unha situación preocupante" para a lingua galega

O Concello e a Coordinadora de Equipos de Normalización convocan sete certames dirixidos aos alumnos dos institutos da cidade

Jorge Potel e Alberto Oubiña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Jorge Potel e Alberto Oubiña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"A situación é preocupante", comentou este luns o coordinador dos concursos "Ben veñas, maio", o mestre do IES A Xunqueira II Jorge Potel. "A miña experiencia dime que os mozos teñen serias dificultades para empregar o galego. O seu uso é pobre e o problema arrástrase dende Infantil e Primaria. Non existe para nada unha suposta situación de equilibrio, como se di. Os rapaces teñen serias dificultades para falar e escribir en galego". Advertindo sobre esta situación, quedaron convocados o luns os sete certames que agrupa o "Ben veñas, maio", unha iniciativa do Concello e da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística dos institutos públicos de Pontevedra, que cumpre 25 anos.

"Por iso, desgrazadamente, é necesario seguir convocando estes concursos. Hai que tratar de dinamizar o uso do idioma tanto ou máis que nunca", explicaba Potel. "Porque non estamos a falar dunha segunda lingua estranxeira. Debemos darlle aos rapaces ferramentas para demostrarlles que se pode vivir ao 100% en galego, para que se manexen con normalidade con el".

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, que acompañou este luns a Potel na presentación da iniciativa, coincidiu co mestre á hora de resaltar os obxectivos de "Ben veñas, maio", "que naceu hai 25 anos con dous concursos e non deixou de medrar". Segundo dixo, "o noso traballo pasa por axudar a que os mozos lle perdan o medo".

Os concursos
Bases xerais. Dirixido ao alumnado dos institutos públicos de Pontevedra. Prazo: ata o 20 de abril.
Fotografía. Tema: fotos sobre o uso anómalo ou curioso da lingua.
Banda deseñada. Tema: uso e valoración da lingua.
Narración curta. Tema libre.
Poesía. Tema libre.
Teatro. Mostra das obras realizadas ao longo do curso.
Música. Dous temas en galego: un de autoría propia e outro sobre un poema dun autor coñecido.
Curtametraxes. Tema libre.

 

Comentarios