Bergondo acogerá desde el día 25 las I Xornadas de Pensamento Galego

Bergondo acollerá a partir do 25 de marzo as I Xornadas de Pensamento Galego adicadas á figura do polifacético Xoán Vicente Viqueira, filósofo, pedagogo e recoñecido galeguista de principios do século XX. Na cita, organizada pola comisión xestora da aínda innata Fundación Viqueira, abordaráse o pensamento galego e a súa difusión social a través da obra do escritor que, a pesares de nacer en Madrid, medrou na aldea bergondesa de Quinta de Vixoi.

As xornadas serán gratuitas e de portas abertas para calquera tipo de público, non só para o especializado en filosofía ou antropoloxía, senón para todo aquel que queira "introducirse no tema do pensamento", apunta un dos membros da comisión xestora, o artiguista e profesor Manuel Miragaia.

A primeira das charlas, un repaso do historiador Xesús Torres Regueiro pola 'Vida e obra de Johan Vicente Viqueira', terá lugar o 25 de marzo no Centro Cultural da Senra, e servirá de punto de partida para as demais conferencias. Nelas intervirán de xeito altruísta catedráticos da Universidade de Santiago, principalmente, e tamén da da Coruña, e debullaranse temas como a crise ecolóxica, a cultura popular galega ou tradición republicana de Castelao, sempre coa figura de Viqueira como telón de fondo (Ver PDF co cartel oficial e tódalas conferencias das xornadas).

Entre os conferenciantes atópanse, entre outros, o antropólogo Ramón Mariño Ferro, o catedrático de filosofía Xosé Luis Barreiro Barreiro, e a profesora de Historia da Educación Sabela Rivas.

A Fundación

Dende a comisión xestora apuntan que as xornadas de pensamento galego de Bergondo nacen co propósito de permanecer e consolidarse no tempo, como xa o fixo a Semana Galega de Filosofía de Pontevedra, que este ano acadará a sua vixésimo sétima edición.

Ademais, a Fundación Viqueira, en trámites para a súa creación, nace da necesidade de reivindicar a figura do filósofo galego e de crear en torno a el un foro no que caiba o pensamento filosófico, antropolóxico e social. "Hai fundacións como a Rosalía de Castro ou a Otero Pedrayo adicadas á literatura, pero non hai ningunha sobre a difusión das ciencias sociais", lembra Miragaia.

Quen foi Xoán Vicente Viqueira?
A pesares de que tan só viviu 38 anos, Xoán Vicente Viqueira tocou tantos paos que ben mereceu o calificativo de home polifacético. Licenciouse en Filosofía e foi catedrático de Psicoloxía, pertenceu ás Irmandades da Fala -mesmo chegou a ser o seu presidente na Coruña- e colaborou con A Nosa Terra, onde, entre outros artigos, publicou 'Pol-a reforma da ortografía', para algúns texto precursor do reintegracionismo no que defendeu a aproximación da grafía galega á portuguesa.

Como escritor, os seus amigos recolleron en 'Ensaios e poesías' as súas principais creacións nas que defendeu a galeguización do ensino. Como traductor encargouse de transcribir ao castelán obras dos empiristas ingleses Hume e Berkeley. O recoñecemento a súa traxectoria chegou en 1974 cando se lle adicou o Día das Letras Galegas.

Pero máis ala dos seus méritos no eido do pensamento filosófico, a vida de Viqueira foi "moi interesante", recorda Miragaia. Aínda que era fillo de galegos, naceu en Madrid en outubro de 1886 froito da casualidade, xa que o seu pai, militar, estaba alí destinado. Aos poucos meses de vida a súa familia trasladouse a Quinta de Vixoi, no concello de Bergondo, onde permanecería ata 1898, cando con 12 anos, marchou para Madrid para continuar os seus estudos. A súa formación completouse dacabalo entre París e Alemaña.

No seo familiar sempre se respiraron aires de intelectualidade. O rexionalista Xosé Pascual López-Cortón era o seu avó; o seu tío político, Bartolomé Cossío, foi un dos fundadores da Institución Libre de Enseñanza; e a súa dona, Jacinta Landa, era irmá de Matilde Landa, mártir comunista que se suicidou nunha prisión de Palma de Mallorca ante as presións das autoridades relixiosas por convertela ao catolicismo.

En 1924, unha enfermidade que xa viña padecendo dende había tempo provocou a morte de Viqueira, quen foi soterrado en Bergondo, máis concretamente no cemiterio da campa de A Lagoa. O seu legado será agora recordado nas I Xornadas de Pensamento Galego que darán comezo o vindeiro xoves.

Comentarios