Berta Cáccamo dende dentro

O Museo de Pontevedra réndelle homenaxe á creadora e profesora de Belas Artes cunha exposición que pon a dialogar a súa obra con cadernos, fotos e obxectos do seu arquivo persoal 
Montaxe da exposición de Berta Cáccamo no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Montaxe da exposición de Berta Cáccamo no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo, a exposición que este venres (19.30 horas, entrada libre e gratuíta) inaugura o Museo de Pontevedra, ofrécelle ao público a posibilidade pouco común de coñecer, xunto á obra dun artista, o material do que saíu. Arredor de 40 pinturas e máis de 30 debuxos, realizados entre 1980 e 2018 e procedentes de diferentes coleccións, ocupan as paredes de dúas das salas de exposicións temporais do Edificio Castelao. Fronte a eles haberá colocadas 15 vitrinas que mostrarán 30 cadernos, diarios e libros de artista; fotografías de obras, persoais e de viaxes, e 26 obxectos manipulados, que axudan a entender como traballaba a artista na concepción dos seus cadros. Todo ese material formaba parte do arquivo persoal de Berta Cáccamo. Agora a familia entrégallo ao Museo de Pontevedra para a súa conservación e difusión.

Ángeles Tilve, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafa Domínguez e Juan de Nieves (de esquerda a dereita) durante a visita á montaxe da exposición de Berta Cáccamo no Museo. GONZALO GARCÍA
Ángeles Tilve, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafa Domínguez e Juan de Nieves (de esquerda a dereita) durante a visita á montaxe da exposición de Berta Cáccamo no Museo. GONZALO GARCÍA

"Supón unha enorme satisfacción recibir este material dunha artista fundamental para a arte galega contemporánea e unha das que tiña unha maior proxección da súa xeración. É un conxunto de material moi grande. Agora hai que traballalo", dixo a directora do Museo, Ángeles Tilve, este xoves, na presentación da mostra á prensa. "Esta exposición permite, non só ver unha pintura, senón tamén todo o proceso de creación que hai detrás. No caso de Berta Cáccamo, ademais, un proceso intenso". 

Tilve, responsable da xestión que rematou co arquivo de Cáccamo no Museo de Pontevedra, estivo acompañada no percorrido polo comisario da exposición, Juan de Nieves; polo representante do Legado Berta Cáccamo e irmán da artista, Xosé María Álvarez Cáccamo, e polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez

Juan de Nieves: De lo que se trata, en definitiva, es de que su fallecimiento no signifique, como tantas veces, el fallecimiento de su obra

Máis alá da posibilidade de conectar a súa obra co material que a autora gardaba no seu taller, Juan de Nieves lembrou que a exposición do Museo non deixa de ser unha retrospectiva. A súa montaxe encádrase no conxunto do traballo que se vén realizando dende Legado Berta Cáccamo, creado pola familia e polos amigos logo da prematura morte da pintora viguesa en 2018 (aos 55 anos) co obxectivo de manter viva a súa memoria e difundir a súa obra. "De lo que se trataba, en definitiva, es que su fallecimiento no significase, como tantas veces, el fallecimiento de su obra".

Entre os obxectivos do Legado estaba ordenar a obra e o arquivo de Berta Cáccamo. Tamén proxectar a súa obra a través de exposicións, publicacións e a súa colocación en coleccións relevantes, como as do Museo Reina Sofía ou do Banco de España.

Material do arquivo de Berta Cáccamo na exposición do Museo de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Material do arquivo de Berta Cáccamo na exposición do Museo de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Desa mesma estratexia formou parte a negociación co Museo de Pontevedra para que nel se conservase o seu arquivo. O propósito fundamental é que, ademais de preservalo, se seguisen difundindo os seus contidos e se seguise traballando no material. "Porque un archivo no debe ser una cosa muerta".

Demóstrase na exposición que se abre este venres ao público, "presentada sin seguir un criterio cronológico, sino a partir de asociaciones connotativas", que confirman unha ollada poética da pintora sobre o que a rodeaba e un proceso creativo intenso, rigoroso e marcado por unha profunda sensibilidade. "Es importante cómo miraba el mundo", concluíu Juan de Nieves.

Xosé María Álvarez Cáccamo: Era fundamental para nós salvar este arquivo, que permanecese e medrase e non acabase perdido nun soto ou nun faiado

Neste sentido, Xosé María Álvarez Cáccamo eloxiou o deseño da exposición por parte do comisario e "a intelixencia dunha montaxe que combina diferentes criterios para que o espectador intensifique a súa atención e se converta case en coautor dos traballos a través da súa propia ollada".
O representante do Legado tamén explicou por que para a familia era fundamental salvar o arquivo de Berta Cáccamo e que puidese "permanecer e medrar" nun sitio adecuado, "non acabar morrendo tamén, perdido nun soto ou nun faiado".

A exposición Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo, que se permanecerá aberta ao público ata o 9 de xuño, completarase, segundo informou o Museo, con dúas actividades paralelas. 

A primeira, o 3 de maio, será un recital poético protagonizado por Xosé María Álvarez Cáccamo. O autor realizará unha lectura pública do seu poema Berta, unha composición longa que en 2019 publicou a editorial Chan da Pólvora e que será presentada e comentada polo comisario, Juan de Nieves. 

O mes seguinte, o día 7, o Museo reunirá aos directores e xefes de coleccións dalgúns dos principais centros de arte en España nun seminario "para reflexionar sobre o papel dos arquivos de artistas como ferramentas de investigacións nos museos", anuncia a institución pontevedresa. Aquí estarán, entre outros, o director do Reina Sofía, Manuel Segade; a directora de Artium, Beatriz Herráez; o director de Museo Patio Herreriano, Javier Hontoria; e o xefe de coleccións  do Museu Nacional d’Art de Catalunya, Eduard Vallès.

Comentarios