O bicho de Diana López Varela

A escritora e guionista pontevedresa é, xunto a Almudena Grandes, Julia Otero e Eva Amaral, unha das autoras que contan unha historia íntima no cómic colectivo "Voces que cuentan"
Arriba, dúas das viñetas de Akira Pantsu para a historia de López Varela no libro 'Voces que cuentan' (á dereita).DP
photo_camera Dúas viñetas de Akira Pantsu para a historia de Akira Pantsu para a historia de López Varela no libro 'Voces que cuentan'.

El bicho é o título da historia que a pontevedresa Diana López Varela incluíu en Voces que cuentan, unha novela gráfica colectiva que asinan nove autoras e outras tantas ilustradoras. De poñerlle imaxes ao seu relato encargouse Akira Pantsu. "Encantoume o que fixo. Rollo manga", di a escritora. Xunto a elas dúas participan no volume Almudena Grandes, Leticia Dolera, Julia Otero, Eva Amaral, María Hesse, Raquel Riba Rossy e Agustina Guerrero, entre outras. Sae á venda o 17 de febreiro.

"Voces que cuentan é unha antoloxía de historias íntimas e persoais de diferentes autoras", explica Diana López Varela, que nestes momentos escribe a que será a súa segunda obra de teatro, "centrada na autoestima", despois de No es país para coños. "O proxecto da novela gráfica nace na editorial, en Planeta Cómic. Contactáronme haberá un ano para dicirme que querían contar comigo. Sen saber quen máis se apuntaba, díxenlles que si. Apetecíame moito traballar por primeira vez nun cómic, que é unha linguaxe que me interesa moito".

Tal e como lle pedía a editorial, a autora pontevedresa escolleu unha historia realmente íntima para contar no libro. "Eu sempre escribo a calzón quitado. Neste caso tamén", recoñece. "Habitualmente escollo temas persoais ou que coñezo moi ben como muller. Desta vez foi a miña experiencia coa anorexia sendo adolescente. Este é o meu xeito de narrar e de achegarme á escrita. Sacar historias persoais de mulleres, dos nosos conflictos, cada vez que temos oportunidade, é moi importante. Levan facéndoo os homes centos de anos", explica.

"Se eu falo agora da miña anorexia é porque estou preparada. Hai cousas que teñen que madurar e estar curadas. Eu hoxe podo falar disto con total serenidade porque é algo que xa non me perturba", segue contando. "E penso que compartilo pode ser interesante para outras mulleres e para as novas xeracións, aínda que o que eu narro xa non podería pasar así. Hoxe, coas redes sociais, o que acontece arredor do físico e da autoestima é moito máis heavy. As mozas están moito máis expostas. Nisto fomos a peor. Hoxe non hai escapatoria: levas ao acosador no peto todo o tempo".

Comentarios