"A bioconstrución é un xeito de facer arquitectura sensible co benestar"

Os arquitectos Carlos Quintáns e Cristina Ansede protagonizan a primeira charla do novo curso de Urbtopías
 
Cristina Ansede, María Hermida e Carlos Quintáns durante a conversa en Urbtopías en Santa Clara. ANXO LORENZO
photo_camera Cristina Ansede, María Hermida e Carlos Quintáns durante a conversa en Urbtopías en Santa Clara. ANXO LORENZO

Definindo o concepto, mostrando a súa preocupación por que non se deturpase e analizando de xeito moi crítico a arquitectura que se fai no país na actualidade comezaron Carlos Quintáns e Cristina Ansede a súa charla no ciclo Urbtopías, a primeira que se realiza despois das vacacións de verán. "A bioconstrución é un xeito de facer arquitectura sensible co benestar dos seres humanos", comezou resumindo Ansede.

Arquitecta responsable, entre outras cousas, do proxecto A casa invisible, que vincula arquitectura e saúde, Cristina Ansede estivo acompañada en Pontevedra polo mestre da Escola Técnica Superior de Arquictura da Coruña e, entre outras cousas, gañador da Bienal de Venecia e do Premio a Arquitecto del Año (en 2016) do Consejo Superior do Colegio de Arquitectos, Carlos Quintáns. Este último mostrouse preocupado polo uso do termo que os convocaba en Urbtopías: bioconstrución. "Porque xa teñen existido outros anteriores, como sostibilidade ou ecoarquitectura, que se desvirtúan con malas prácticas. Bioconstrución non será o nome definitivo. Aparecerá outro co que todos esteamos cómodos e só cabe gardar que ninguén se apropie del e o destrúa", sinalou. "Porque os conceptos aos que nos referimos xa están aí, todos os entendemos, pero a veces pensamos, cando hai que facer algo, que a nós non corresponde aplicalos. Por iso, nós falamos moito na escola de responsabilidade individual". 

Cristina Ansede: "Como seres humanos non estamos preparados para vivir en cidades, pero non nos damos conta"

A que conceptos se refire o arquitecto? Segundo el mesmo dixo, todo o mundo os ten perfectamente claros dende marzo de 2020, cando a pandemia e o estado de alarma obrigaron aos cidadáns a permanecer nas súas casas. Enfrontar esta realidade fíxolles entender a importancia das característica do lugar que se habita. "O problema é que estamos ante algo complexo porque manexa moitísimas variables. Por iso non imos atopar solucións perfectas".

Xa antes, Cristina Ansede explicara o porqué da necesidade de desenvolver o termo bioconstrución e a importancia que pode acadar na sociedade actual. "Como seres humanos non estamos preparados para vivir en cidades", dixo. "Os nosos xenes transfórmanse lentamente. En relación coa historia da humanidade, aínda non nos adaptamos, pero non nos damos conta. Hai certas formas e materiais que nos producen estrés e non somos conscientes diso".

Carlos Quintáns: "Séguense aplicando conceptos equivocados. Fáltanos educación. A realidade é que aquí non somos capaces de facer ben nin un caleiro"

Neste punto, Quintáns volveu mostrarse crítico coas prácticas actuais. "Fronte a materiais como a madeira, temos outros que nos ofrecen un mundo feliz, cando probablemente traian moitos problemas que non se coñecen", dixo. Con todo, declarouse optimista. "A pesar da desfeita continuada, do ‘ti vai facendo’ no que sustenta este país, eu creo que hai solución. Pero como sociedade aínda non estamos formados para realizar ese cambio. Fáltanos educación. Séguense aplicando conceptos equivocados. Pídense axudas para facer remendos. Non se asume ese cambio radical que hai que facer. Porque a realidade é que aquí non somos capaces de facer ben nin un caleiro nin unha baixante".

A charla de Urbtopías deste martes celebrouse na antiga igrexa de Santa Clara e estivo moderada pola xornalista María Hermida.

Javier Olleros e César Mosquera con Jesús Cintora
A antiga igrexa de Santa Clara acolle este mércores (19.30 horas, entrada libre ata completar cabida) a segunda charla de Urbtopías desta semana. Titúlase Compostaxe. Facendo dos residuos un recurso e estará conducida polo xornalista Jesús Cintora. Reflexionarán sobre o tema, o chef con dúas estrelas Michelin Javier Olleros (Culler de Pau) e o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.

O ciclo Urbtopías está organizado polo Concello e ten como obxectivo difundir os obxectivos da Axenda Urbana Pontevedra e o modelo de cidade.

Comentarios